A cultura galega viaxa a 24 países co apoio da Xunta a través das axudas á distribución de espectáculos

  A Agadic publicou a terceira e última adxudicación destas subvencións en 2017, dotadas con 435.000 euros

  Colabórase con máis de 600 actuacións e accións promocionais nos cinco continentes

A cultura galega viaxa a 24 países co apoio da Xunta a través das axudas á distribución de espectáculos
[30/08/2017]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación completou a adxudicación das súas subvencións ás actividades de distribución nas industrias culturais, mediante as que este ano apoia a presenza da escena, a música e arte de Galicia en diferentes localidades españolas e doutros 24 países.

Coa publicación neste web da terceira e última resolución ao abeiro desta convocatoria, queda esgotado o crédito de 435.000 euros reservado en 2017 para estas axudas. A través delas, a Xunta cofinancia os gastos asumidos polas empresas no desenvolvemento de máis de 600 actuacións escénicas, concertos e accións promocionais da cultura galega nos cinco continentes: Alemaña, Alxeria, Australia, Bélxica, Canadá, China, Colombia, Corea, Costa Rica, Cuba, EE.UU., Francia, Holanda, Italia, México, Noruega, Nova Zelandia, O Salvador, Perú, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa e Xapón, ademais de en Galicia e no resto de España.
 
Mercados profesionais
Unha das modalidades destas subvencións está dirixida especificamente a colaborar coa actividade promocional das empresas culturais galegas nunha trintena de mercados internacionais dedicados principalmente aos sectores da música, o teatro e a arte contemporánea.
 
É o caso, por exemplo, do South by Southwest en Austin e Pinta Miami (EE.UU.), Bafim en Bos Aires (Arxentina), Jazzahead en Bremen (Alemaña), Exib Música en Évora, Cidades Creativas no Porto e Imaginarius en Santa María da Feira (Portugal), Eurosonic Noordeslag en Groninga (Holanda), Primera Línea na Habana (Cuba), Womex en Katowice (Polonia), Fieze Art Fair en Londres (Reino Unido), Circulart en Medellín (Colombia), Souns of the Xity en Pequín (China), Seoul Music Week (Corea), Artíssima en Turín (Italia), Feria de Artes Escénicas de Castilla-La Mancha en Albacete, Feria de Artistas Callejeros de Leoia, Festival de Títeres en Lleida, Arco, Art Madrid, Drawing Room, Estampa, JustMAD e MadFeria en Madrid, Art Fair en Málaga, Mercartes en Valladolid, Mercat de Vic ou Fetén en Xixón.
 
Do total do orzamento adxudicado, preto de 287.500 euros destínanse a apoiar as  actuacións de compañías escénicas e grupos de música galegos nas súas xiras estatais e internacionais.No caso da música, nesta relación atópanse os concertos de Bala en Xapón e Australia; Carlos Núñez en Canadá, Estados Unidos, Francia, Holanda e España; Luar na Lubre en diferentes localidades de España, México e no Festival Intercéltico de Lorient (Francia), onde tamén se apoiou a presenza de TRIM e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.
 
Outras das actuacións subvencionadas son as de Milladoiro en Italia; Novedades Carminha en España e México; Radio Cos en Bélxica, Polonia e República Checa; Susana Seivane en Bélxica, España, Francia e Italia; TRIM en Dinamarca; Uxía en Alemaña, o Festival Nits de Tanit (Illas Baleares) e Bilbao; ou Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en Alxeria, Escocia, España, Estados Unidos, Francia e Noruega. Inclúense, así mesmo, o musical Sueños de música, de Urdime, no Fetén de Xixón, mais as presentacións de Agoraphobia, Festicultores, Germán Díaz, Herdeiros da Crus, Ialma, Leilía, Samuel Diz e Vacas en diferentes escenarios españois
 
Circo, danza e teatro
Tamén é relevante a presenza exterior de formacións escénicas, como as de novo circo Pistacatro, cunha decena de funcións de artistas deste colectivo en festivais de Nova Zelandia, Australia e Reino Unido, ademais das representacións de AirenoAr, CAIR e Peter Punk en diferentes cidades españolas.

En danza, apóianse as funcións da compañía de Nuria Sotelo en México, Nova Galega de Danza en Perú, Sólodos en Albacete e Costa Rica, e Traspediante no Salvador e tamén en Costa Rica. En teatro, Artello Teatro en Colombia; Baobab Teatro nas súas actuacións en oito comunidades autónomas; CinemaSticado noutras cinco comunidades e mais en Polonia; Chévere, nas Naves del Español de Madrid, Albacete e Braga (Portugal); El Retrete de Dorian Gray en Arxentina, Bélxica, Holanda e España; Eme 2 en España e Portugal; Galitoon no Museo do Prado e unha extensa xira por España; Ibuprofeno Teatro no Certamen Nacional de Teatro Garnacha de Rioja Haro, así como en Barcelona, Madrid e Salamanca; Producións Teatráis Excéntricas nas localidades portuguesas de Maia e Matosinhos; Teatro Ensalle en Chile, España e México; Títeres Alakrán en Sevilla; Títeres Cachirulo en Arxentina, Brasil e diferentes localidades españolas; e Voadora en Bilbao, Sevilla e Zaragoza, ademais de nos festivais Fitei do Porto, Almada e Alcalá de Henares.
 
Estas subvencións inclúen, así mesmo, 100.000 euros da modalidade para actuacións escénicas dentro de Galicia, mediante a que se subvencionan 109 funcións das compañías Aporía Teatro, Bocaberta, Contraproducións, Ibuprofeno Teatro, Producións Teatráis Excéntricas, Redrum e Voadora en medio cento de localidades.

Na imaxe, Bala. Fotografía de Sara Roca. Fonte: Facebook