A Xunta subvenciona a programación de 34 espectáculos da 26ª edición do FIOT de Carballo

  É un dos 20 encontros apoiados este ano a través da convocatoria pública de axudas da Agadic para festivais profesionais de artes escénicas e de música

  Esta tarde presentouse a carteleira que se despregará do 16 de setembro ao 28 de outubro e na que se inclúen tres coproducións do festival, sete estreas absolutas e sete primeiras funcións en Galicia

  É un dos 20 encontros apoiados este ano a través da convocatoria pública de axudas da Agadic para festivais profesionais de artes escénicas e de música

A Xunta subvenciona a programación de 34 espectáculos da 26ª edición do FIOT de Carballo
[01/09/2017]
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo desvelou esta tarde a programación da súa vixésimo sexta edición, que do 16 de setembro ao 28 de outubro desenvolverá 34 funcións e numerosas actividades paralelas. A Xunta volve colaborar con esta iniciativa a través dunha subvención  adxudicada pola Agadic.


O FIOT, organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, cofinánciase en concreto mediante a convocatoria pública de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais a festivais profesionais de artes escénicas e de música, pola que obtivo 49.320 euros.
 
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou nesta presentación, onde explicou que o FIOT é unha das 20 citas subvencionadas en 2017 a través desta liña de axudas, da que resultaron adxudicatarias outras oito mostras escénicas: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño, Mostra de Teatro Galego de Cariño, Corpo(a)Terra e Festival Internacional de Teatro (FITO) de Ourense, Festival Internacional de Títeres de Redondela, Galicreques de Santiago e Festiclown de Vilagarcía.
 
Produción galega
“Con este programa de subvencións, do que o festival de Carballo é adxudicatario en cada nova convocatoria, a Xunta vén apostando desde hai seis anos pola consolidación dun mapa galego de festivais profesionais e, en consecuencia, pola creación de públicos e a dinamización da contratación artística, con especial atención aos espectáculos producidos en Galicia”, asegurou.
 
Neste sentido, subliñou que esta representación galega ten sempre un gran peso na oferta do FIOT, que nesta vixésimo sexta edición comparte cartel con recoñecidas compañías do resto de España (Cirk About It, Titzina Teatro, Teatro de la Abadía, Feelgood Teatro, Ysarca, Buxman, Kamikaze Producciones, El Pont Flotant e Los Números Imaginarios, entre outras), Bélxica (Okidok) e Reino Unido (Reckless Sleepers en coprodución coa catalá Atresbandes). Entre os nomes galegos, atópanse Quico Cadaval, IlMaquinario Teatro, Contraproducións, Paula Carballeira, David Perdomo, Pepe Capelán, Carta de Ajuste, Marta Lado, Alberte Montes, Aldaolado, Oswaldo Digón, Pedro Brandariz e Víctor Grande, Os Fillos do Estramonio, Roberto Alvite e Rebeca Amor, Entretrés, Sal do Teatro, Prácido Domingo, Tukumpas Teatro, Iria Sobrado e Galeatro. 
 
Sutil fixo estas declaracións no transcurso do acto que tivo lugar no Pazo da Cultura de Carballo e no que tamén participaron o alcalde Evencio Ferrero, o presidente da Asociación Telón e Aparte e director do FIOT, Alberto Sueiro, e os representantes do resto das entidades colaboradoras.
 
Na súa intervención destacou, así mesmo, dúas “interesantes liñas de traballo” do festival, que tamén reflicten o seu compromiso cos profesionais do sector en Galicia. Dunha banda, a implicación do FIOT no proceso de produción de espectáculos, colaborando este ano con tres montaxes, dúas delas galegas e estreas absolutas en Carballo: Fillos do sol, de Contraproducións, e Muiñada, o debut da nova compañía profesional Galeatro.
 
Novo certame
Mencionou tamén a posta en marcha nesta edición do certame de microteatro Metro Cadrado que, ademais de estender a programación do Festival Internacional Outono de Teatro a outros espazos de Carballo, busca darlle visibilidade a artistas galegos emerxentes na procura de novos formatos e espazos creativos.
 
Esta nova proposta forma parte da ampla oferta de actividades paralelas do FIOT, que complementan o seu programa de sala no Pazo da Cultura. Este escenario acollerá, ademais, o acto de entrega do premio Xograresa de Outono 2017, que recae na actriz Mónica Caamaño pola súa “intensa e diversa traxectoria profesional e compromiso activo co sector cultural”.

-Programa do FIOT 2017
-Web do FIOT 2017