A Xunta promove a música e a cultura de vangarda co seu apoio ao festival WOS de Santiago

  O encontro, que se celebrará en Compostela do 6 ao 10 de setembro, presentaralle ao público 50 propostas que van desde os sons máis arriscados ata o audiovisual ou a performance, cunha selecta carteleira internacional e galega

  Conta cunha subvención a través da convocatoria pública de axudas da Agadic para festivais profesionais

A Xunta promove a música e a cultura de vangarda co seu apoio ao festival WOS de Santiago
[04/09/2017]
O festival WOS 2017 despregará en Santiago do 6 ao 10 de setembro unha ampla programación baseada na música e nas manifestacións culturais máis vangardistas a través das 50 propostas de distintas disciplinas contemporáneas que se lle amosarán ao público desde 13 diferentes espazos da cidade.
 

O cartel da actual cuarta edición evento foi presentado hoxe na compostelá Fundación Eugenio Granell, un dos recintos da capital de Galicia que acollerá as diferentes citas deste encontro, que conta cunha subvención da Xunta a través da convocatoria de axudas a festivais profesionais da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). Así o testemuñou o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen participou nesta presentación xunto co alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; e demais colaboradores e organizadores do evento organizado pola compañía galega Work on Sunday baixo a dirección de Iván Arias.
 
Sutil recoñeceulle o WOS ter atopado o seu oco propio e diferenciado no panorama de festivais musicais galegos, “o que proba a súa calidade e pertinencia, e tamén a profesionalidade e a capacidade das industrias culturais galegas como artífices de convocatorias culturais de éxito en constante clave innovadora”, expresou. Fixo referencia, así mesmo, ao seu orixinal modelo, cen por cento urbano e difusor dos sons máis arriscados en conexión con outras artes, como o cinema ou a performance.
 
Experiencias para sorprender
A Xunta de Galicia proporciona ademais dous escenarios ao WOS: o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Cidade da Cultura de Galicia (CdC), que acollerán parte do programa específico Encontros, un formato de coloquios co público nos que intervirán artistas do talle de Robert Henke, Nite Jewel ou Alan Bishop. Estas localizacións únense ao resto de sedes do WOS (entre elas, a Igrexa da Universidade, o Teatro Principal, ou as salas Capitol, Numax, Riquela ou La Montiel) para facer de cada cita unha experiencia única e conformar, segundo os organizadores, “un festival pensado para sorprender, abrir lugares para a reflexión e o diálogo, e brindar ao seu público unha selección exquisitamente coidada de propostas artísticas e culturais”.
 
O WOS 2017, que acollerá así mesmo presentacións de novos discos ou materiais, e que trae por primeira vez a Galicia máis dunha decena de artistas, conserva no seo o seu cartel un decidido apoio a propostas galegas, e enmárcase nunha atención especial en achegar aos público proxectos pouco comúns.
 
Música, escena e audiovisual
Os británicos Tomaga e Samuel Kerridge, a veterana canadense Julia Kent, ou a australiana Carla dal Forno son as últimas incoporacións ao programa de música que aposta polo risco, a electrónica e a vangarda. Ademais das sesións de pago, tamén se inclúen actividades abertas ao público xeral, como o concerto dos galegos Boyanka Kostova ou o set da La Isla del Tesoro. Pola súa banda, o WOS Performance amosará pezas de artistas galegos consagrados, como Javier Martín ou Nuria Sotelo, e emerxentes, como Nostoc ou Sonic Parkour.

Santiago de Compostela acollerá nesta cuarta edición de WOS a estrea en España da obra audiovisual de Robert Henke, Lumière III, que se completará cun encontro entre o artista alemán e o público, moderado polo comisario e crítico de arte José Manuel Costa. Pola súa banda, a alianza entre WOS e NUMAX posibilita a selección audiovisual deste ano, que contará coas estreas en España de Tony Conrad. Completely in The Present eRage. A Movie About Acid Music, ambas ao redor de figuras ou colectivos cruciais na constitución da contemporaneidade.

O peche do festival será unha ocasión única de ver reunidos sobre un escenario cinco xigantes da música exploratoria como son Greg Fox, Julia Kent, Oren Ambarchi, Sontag Shogun e Western Skies Motel.

-Dosier de prensa do WOS 2017
-Páxina web do WOS