A Agadic destina 16.000 euros ao Festival de la Luz de Boimorto, que terá lugar esta fin de semana

  Esta iniciativa solidaria, que xa vai pola súa sexta edición, congregará na parroquia de Andabao máis de 40 artistas

A Agadic destina 16.000 euros ao Festival de la Luz de Boimorto, que terá lugar esta fin de semana
[05/09/2017]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina este ano unha achega de algo máis de 16.000 euros ao Festival da Luz en Boimorto, que terá lugar esta fin de semana no concello coruñés coa participación de 40 artistas de distintos estilos musicais.
A sexta edición deste festival celebrarase esta vindeira fin de semana, do 8 ao 10 de setembro, na parroquia de Andabao baixo a coordinación da artista Luz Casal, orixinaria desta localidade. Durante o venres, sábado e domingo actuarán por unha causa solidaria en 5 escenarios diferentes mais de 40 formacións e solistas, entre os que destacan bandas consagradas como Mago de Oz, Siniestro Total, Rosendo ou Jarabe de Palo. A música galega tamén terá cabida, xa que soarán grupos como Treixadura, Os amigos dos músicos, Xoán Curiel ou a Banda de Música de Arzúa.
 
O Agadic destina este ano 390.000 euros a cofinanciar en Galicia un total de 20 festivais escénicos e musicais. A través destas axudas, a Xunta de Galicia busca contribuír á consolidación dun mapa galego de festivais de carácter profesional, así como a dinamizar a contratación artística e a creación de públicos nestes sectores culturais.
 
A orde pola que se rexen estas axudas establece que o 40 por cento do orzamento subvencionable debe corresponder á contratación artística no caso dos festivais de música e o 30 por cento nos escénicos.
 
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, considera que “este tipo festivais constitúen un sector cultural estratéxico para Galicia e as subvencións da Agadic axudan a impulsar a súa profesionalidade”.

-Web do Festival de la Luz