Sarabela estrea en Ourense o espectáculo subvencionado pola Xunta 'O rei morre', con dirección de Ana Vallés

  O Auditorio Municipal acolle as primeiras funcións da adaptación da obra de Ionesco o venres 15, o sábado 16 e o domingo 17 de setembro

  Contou para a súa montaxe cunha axuda á produción escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais

Sarabela estrea en Ourense o espectáculo subvencionado pola Xunta 'O rei morre', con dirección de Ana Vallés
[11/09/2017]
O Auditorio Municipal de Ourense acolle este venres 15 de setembro a estrea de O rei morre, de Eugène Ionesco, a última produción da compañía Sarabela Teatro, dirixida por vez primeira nesta ocasión por Ana Vallés. O espectáculo conta co apoio da Xunta de Galicia a través das subvencións á actividade escénica convocadas pola Agadic.

As claves da posta en escena foron presentadas esta mañá na Casa do Concello de Ourense polo alcalde Jesús Vázquez Abad xunto co director da Agadic, Jacobo Sutil, a directora de escena Ana Vallés e Fernando Dacosta, actor protagonista. No acto detallouse o proceso e os obxectivos deste novo espectáculo, que se suma ao extenso repertorio da compañía ourensá, e que comeza esta semana a súa distribución polos escenarios galegos e de fóra de Galicia.
 
Na súa intervención, o director da Agadic recoñeceu a “incuestionable traxectoria e valía” de Sarabela, Premio da Cultura de Galicia en 2016. Neste sentido, salientou que defende con éxito textos contemporáneos e clásicos, produce espectáculos para adultos e para público infantil e conta coa profesionalidade e a solvencia para asumir proxectos docentes e de dinamización escénica. “Non hai moitos máis grupos teatrais en Galicia capaces de manter en distribución de xeito simultáneo ata catro espectáculos, como está a facer Sarabela este ano con O secreto da bibliotecaria, Normas para saber vivir na sociedade actual, O último dragón e Ensaio sobre a cegueira e, ao tempo, embarcarse no ensaio e na estrea dunha nova montaxe”, engadiu.
 
Asociación de talento
Sobre O rei morre, Jacobo Sutil asegurou que se trata dun novo desafío para a compañía, ao que se suma  poñerse ás ordes dunha directora como Ana Vallés, “outro dos grandes nomes da escena do país”, dixo. “Esta asociación —expresou— non é casual: estamos diante de dous enormes referentes da nosa escena que suman talento, sabedoría e experiencia neste novo espectáculo: por un lado, Sarabela, e por outro, Ana Vallés, precursora e aínda hoxe un dos mellores expoñentes do teatro máis innovador que se fai en Galicia”.
 
Jacobo Sutil explicou que sobre esta base, e por todos os demais méritos e valores (creación, interpretación, difusión) que contén 'O rei morre' como proxecto global,  o espectáculo conta co apoio da Xunta de Galicia, a través das subvencións á produción escénica convocadas pola Agadic, unha liña dotada con 600.000 euros e da que este ano se beneficiaron 31 montaxes galegas de distintos formatos e estilos. De feito, a proposta de Sarabela é unha das cofinanciadas por esta canle con algo máis de 39.700 euros dentro da categoría específica de espectáculos de mediano formato.
 
Metáfora sobre a vida e a morte
Para Sarabela, que xa con anterioridade abordara a escrita de Ionesco e doutros autores do Teatro do Absurdo, O rei morre é “unha das metáforas dramáticas máis profundas e implacables sobre a vida e a morte do ser humano que produciu o teatro universal, sobre a que cada xeración ten reinterpretado indagando arredor da aprendizaxe e a aceptación da morte”.
 
Na súa proposta, o traballo do corpo leva a unha mestura de xéneros, clave no teatro contemporáneo: o rei é o único personaxe varón, rodeado de mulleres que sofren e padecen a situación. A interpretación e a danza fúndense nun espazo e nun tempo metafóricos coas linguaxes non verbais (como a iluminación e o son) e coas verbais que achega o texto de Ionesco e a dramaturxia asinada pola propia Vallés.
 
Para a posta en escena, a compañía conta con profesionais de recoñecido prestixio, como son, ademais de Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago, Nate Borrajo e Fonso Míguez na interpretación. O deseño de escenografía é de José Faro, o de iluminación, de Baltasar Patiño, o de vestiario, de Ruth D. Pedreira, e a maquillaxe e caracterización, de Raquel F. Fidalgo.
 
A función de estrea do vernes será ás 21,00 h; en tanto que as do sábado e domingo comezan ás 20,30 h. As entradas para os tres días están á venda no web ataquilla.com.

-Enlace á venda de localidades
-Web de Sarabela Teatro