O circuíto Cinemas de Galicia retoma a súa actividade con 41 proxeccións

  Coa exhibición de ‘100 metros’ arranca mañá en Cariño a carteleira de outono desta rede, que se desenvolve tamén en Allariz, As Pontes, Bueu, Cedeira, Celanova, Foz e O Grove baixo a coordinación da Agadic

  O catálogo completo de 2017, composto por 27 películas galegas e internacionais, supón unha alternativa para ver cine en localidades sen salas comerciais

 O circuíto Cinemas de Galicia retoma a súa actividade con 41 proxeccións
[15/09/2017]
Cinemas de Galicia, o circuíto de exhibición cinematográfica impulsado pola Agadic, inicia o seu segundo ciclo de programación anual, que se desenvolverá ata decembro en oito concellos. Allariz, As Pontes, Bueu, Cariño, Cedeira, Celanova, Foz e O Grove acollen a nova carteleira, con 41 proxeccións de 22 dos 27 títulos incluídos no catálogo de 2017.

A programación arranca en Cariño coa proxección, ás 19,30 h. no Auditorio Municipal, da comedia dramática 100 metros, dirixida por Marcel Barrena e protagonizada por Dani Rovira e Karra Elejalde. A oferta continuará ata o 3 de decembro, día no que a devandita película poderá verse na carpa da praza do Corgo, no Grove, e Psiconautas, os nenos esquecidos, no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova.
 
Xunto con Psiconautas, fita codirixida polo galego Alberto Vázquez e gañadoa dun Goya á mellor película de animación, entre outros premios, esta carteleira de outono inclúe outras 11 producións con participación galega: 100 anos de perdón, de Daniel Calparsoro; Esquece Monelos, de Ángeles Huerta; Lobos sucios, de Simón Casal; María (e os demais), de Nely Reguera; Migas de pan, de Manane Rodríguez; Mimosas, de Oliver Laxe; Pelegrinaxes, de Simone Saibene; Pozoamargo, de Enrique Rivero; Sicixia, de Ignacio Vilar; Toro, de Kike Maíllo; e Torre de Breoghán, de Jorge Coira.
 
A relación de proxeccións complétase con Angélica (unha traxedia), de Manuel Fernández-Valdés; Baixo a area, de Martin Zandvliet; Ballerina, de Éric Warin e Éric Summers; Elle, de Paul Verhoeven; Eu, Daniel Blake, de Ken Loach; Neruda, de Pablo Larraín; Siembra, de Ángela Osorio e Santiago Lozano; Toni Erdmann, de Maren Ade, e Un amor de verán, de Catherine Corsini.
 
Cuarta edición
Cunha programación estable dende que se puxera en marcha en 2014, Cinemas de Galicia está a desenvolver en 2017 a súa cuarta edición cos mesmos obxectivos fundacionais: dunha banda, ofertarlles novas vías de distribución aos filmes galegos e, doutra, incrementar o número de pantallas cinematográficas na nosa Comunidade. Estes propósitos compleméntanse coas finalidades de incentivar o consumo cinematográfico entre a cidadanía e de achegarlle a sétima arte en pantalla grande a concellos que non contan con salas comerciais.
 
Neste sentido, o catálogo que a Agadic lles propón aos programadores dos concellos se caracteriza pola calidade das fitas seleccionadas, tanto no que respecta aos títulos galegos como á oferta internacional. Así o demostra o feito de que unha parte moi ampla destes filmes teñan sido galardoados ou nomeados por algúns dos festivais máis importantes do panorama audiovisual internacional.
 
A Agadic e os municipios asociados a este circuíto asumen ao 50 por cento o gasto dos dereitos de exhibir e proxectar as longametraxes, mentres que a recadación íntegra pola venda de localidades (que teñen un prezo único de 3 euros) é para os concellos.
 
-Máis información