A nova carteleira de Cinemas de Galicia leva a Bueu sete producións galegas e internacionais

  A segunda quenda de programación anual arranca mañá no Auditorio do Centro Social do Mar co filme ‘Lobos sucios’, presentado polo seu director, Simón Casal

  As proxeccións continuarán ata decembro con ‘Angélica (unha traxedia)’, ‘Toni Erdmann’, ‘Esquece Monelos’, ‘Baixo a area’, ‘Pozoamargo’ e ‘Migas de Pan’

  O concello pontevedrés sumouse en 2017 a este circuíto de exhibición cinematográfica en municipios sen salas comerciais, promovido pola Xunta

A nova carteleira de Cinemas de Galicia leva a Bueu sete producións galegas e internacionais
[21/09/2017]
Cinemas de Galicia, o circuíto de exhibición cinematográfica impulsado pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), achegaralle ao público de Bueu sete novos títulos galegos e internacionais dentro do seu segundo ciclo de programación anual. O concello pontevedrés é a máis recente incorporación a esta rede.

De setembro a decembro, Cinemas de Galicia desenvolverá 41 proxeccións en oito localidades: Allariz, As Pontes de García Rodríguez, Cariño, Cedeira, Celanova, Foz e O Grove, ademais de Bueu.
 
A proxección da coprodución hispano-belga Lobos sucios, encabezada pola produtora galega Agallas Films, inaugura mañá esta carteleira cunha sesión especial presentada polo director do filme, o tamén galego Simón Casal. Será ás 21,00 h. no Auditorio do Centro Social do Mar, espazo que acolle todas as proxeccións neste mesmo horario.
 
A programación completa foi presentada esta mañá en rolda de prensa por Félix Juncal, alcalde de Bueu; Jacobo Sutil, director da Agadic; e Alba Sotelo, tesoreira do cineclub da localidade, que participa activamente nesta iniciativa.
 
Coproducións internacionais con participación galega
Na oferta de Cinemas de Galicia en Bueu haberá tamén outros destacados títulos con participación galega: os documentais Angélica (unha traxedia), dirixido por Manuel Fernández-Valdés, que se poderá ver o 29 de setembro, e Esquece Monelos, de Ángeles Huerta con produción de Danga Danga, o 20 de outubro; ademais das coproducións hispanoamericanas Pozoamargo, coa implicación de Zeitun Films (17 de novembro), e Migas de pan, de Xamalú Filmes con realización de Manane Rodríguez. Completan o programa dúas fitas europeas: Toni Erdmann, de Maren Ade (6 de outubro), e Baixo a area, de Martin Zandvliet (3 de novembro).
 
O director da Agadic valorou de xeito moi positivo a incorporación este ano de Bueu a Cinemas de Galicia e agradeceulles ao Concello e ao Cineclub a súa implicación nesta iniciativa, a través da que o público de localidades sen salas comerciais pode gozar da sétima arte en pantalla grande, ao tempo que se contribúe a ampliar a distribución das obras galegas.
 
Explicou ademais que, sumando os dous períodos de programación de 2017, Cinemas de Galicia terá ofrecido na que é a súa cuarta edición anual 74 proxeccións en nove concellos: os oito xa citados mais Ortigueira.
 
A Agadic e os municipios asociados a este circuíto asumen ao 50 por cento o gasto dos dereitos de exhibir e proxectar as longametraxes, mentres que a recadación íntegra pola venda de localidades (que teñen un prezo único de 3 euros) é para os concellos.
 
-Máis información.