Eme 2, Ibuprofeno e Yllana actúan este outono en Vilagarcía dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios

   O Auditorio Municipal ofrecerá ‘Get Back’ o 21 de outubro, ‘Raclette’ o 11 de novembro e ‘Yllana 25’ o 9 de decembro

   O director da Agadic participou hoxe na presentación destas funcións na capital arousá, que forma parte do circuíto escénico da Xunta desde os seus inicios

Eme 2, Ibuprofeno e Yllana actúan este outono en Vilagarcía dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios
[22/09/2017]
As compañías galegas Eme 2 e Ibuprofeno Teatro e a madrileña Yllana viaxarán este outono a Vilagarcía con tres dos seus espectáculos, que representarán no Auditorio Municipal dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, promovido e xestionado pola Xunta de Galicia.

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), xestiona e cofinancia este circuíto xunto aos seus 44 espazos asociados para lles ofrecer aos espectadores galegos 539 citas culturais durante 2017.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, presentaron hoxe esta carteleira, incidindo na relevancia das súas tres propostas: Get Back, que Eme 2 porá en escena o 21 de outubro, e que chega ao Auditorio Municipal avalada por unha excelente acollida de público; Raclette (11 de novembro), montaxe de Ibuprofeno a partir do texto co que Santiago Cortegoso –quen tamén participou nesta presentación– obtivo o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, entre outros recoñecementos dentro e fóra de Galicia; e Yllana 25 (9 de decembro), o espectáculo co que a compañía madrileña, referente do humor xestual e irreverente, está a celebrar o seu vixésimo quinto aniversario.
 
Na súa intervención, o director da Agadic explicou que o Concello arousán é un dos primeiros municipios que se asociaron á Rede Galega de Teatros e Auditorios, hai xa máis de 20 anos. Nas súas palabras, “durante todo este tempo, Vilagarcía vén sendo o noso aliado na tarefa común de difundir e poñer en valor o mellor do teatro galego”.

Este circuíto constitúe na actualidade a principal canle para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional, á que dota de estabilidade cunha programación que se estende durante todo o ano. Para desenvolver a de 2017, conta cun orzamento de 1,53 millóns de euros, que achegan ao 50% a Agadic e as entidades locais xestoras dos espazos. Este investimento, que vén experimentando un progresivo incremento nos últimos anos (dun 8,2% respecto a 2016 e de máis do 30% en relación con 2014), destínase integramente á contratación das devanditas 539 actuacións, levadas a cabo por 144 compañías de teatro, música, danza, maxia e circo, a maioría delas galegas.

-Axenda da Rede Galega de Teatros e Auditorios