O CGAI mostra filmes perdidos de Jacques Rivette no seu percorrido pola historia do cine francés

  Mañá comeza un ciclo no que se proxectan clásicos galos desde os anos vinte ata os nosos días

  Destaca o pase das primeiras curtas do mestre da Nouvelle Vague, recentemente descubertas e restauradas pola Cinémathèque Française, que a filmoteca galega proxectará no Día Mundial do Patrimonio Audiovisual

O CGAI mostra filmes perdidos de Jacques Rivette no seu percorrido pola historia do cine francés
[25/09/2017]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI–Filmoteca de Galicia) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inicia mañá un ciclo que percorre a historia do cine francés co gallo da estrea do filme Las películas de mi vida, de Bertrand Tavernier, e do 60º aniversario da Nouvelle Vague.

Este foi un movemento artístico de vangarda que marcou non só a cinematografía gala, senón o cine de autor mundial nos anos sesenta. Nado ao redor dos críticos da mítica revista Cahiers du Cinéma, un dos seus máximos expoñentes foi Jacques Rivette. O 27 de outubro, Día Mundial do Patrimonio Audiovisual, o CGAI estreará en Galicia as súas primeiras curtametraxes, un material inédito que se cría perdido ata que a Cinémathèque Française anunciou o seu descubrimento e recuperación o ano pasado.
 
Ademais, a filmoteca galega programará o 11 de outubro L'amour fou (1969), un dos filmes máis soterrados da filmografía deste autor pola dificultade de atopar copias en bo estado. A colaboración do CGAI con institucións de prestixio coma a devandita Cinémathèque Française e o Institut Français tamén permitiu traer á Coruña outros títulos moi pouco exhibidos, como More (1969), ópera prima de Barbet Schroeder, considerado un dos enfants terribles do cinema francés, que poderá verse o 31 de outubro.
 
Tavernier, o profesor apaixonado
Pero este especial esténdese máis alá dos anos sesenta, de xeito que o programa arranca mañá, ás 19,00 h., coa estrea deLas películas de mi vida(2016), filme que ofrece un percorrido histórico por todo o cine galo dende os anos corenta. En diálogo con esta fita de Bertrand Tavernier, cineasta, historiador crítico e presidente do prestixioso Institut Lumière, e mesmo expandindo o seu rango temporal, o CGAI ofrécelle ao público galego a súa propia escolma, con títulos que van dende os anos vinte ata os nosos días.
 
Así, a filmoteca programa o 3 de outubro L'inhumaine (1924), de Marcel L’Herbier, outro clásico descoñecido ata para os máis cinéfilos. A película destaca pola colaboración de artistas de distintos eidos, mesturando moitas das vangardas artísticas dos anos vinte, co pintor Fernand Léger asumindo parte do departamento de arte.

O ciclo inclúe así mesmo París, bajos fondos, unha das fitas máis recoñecidas de Jacques Becker, que poderá verse o 28 de setembro. Continuará en novembro con varios filmes de Éric Rohmer e estenderase ao longo de boa parte da temporada 2017-2018 do CGAI.

Na imaxe, fotograma de Le Divertissement, de Jacques Rivette. Cedida pola Cinémathèque Française.

-CGAI