A Agadic e o Teatro Ensalle de Vigo impulsan o proxecto .EXE a prol da investigación escénica

  O Espazo Xerador Ensalle nace como unha plataforma de residencias artísticas e técnicas para promover a busca de novas narrativas, a profesionalización e unha maior visiblidade da creación contemporánea galega dentro e fóra da Comunidade

  Presentouse tamén a estrea esta fin de semana de ‘Procedimientos ante el vacío’, espectáculo producido pola formación viguesa con subvención da Xunta

A Agadic e o Teatro Ensalle de Vigo impulsan o proxecto .EXE a prol da investigación escénica
[26/09/2017]
O Teatro Ensalle de Vigo deu a coñecer hoxe os eixos do seu proxecto de residencias .EXE (Espazo Xerador Ensalle), para o que conta co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co obxectivo de impulsar e dotar de estabilidade o labor de creación e investigación na escena contemporánea de Galicia.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto con Pedro Fresneda, de Teatro Ensalle, e os representantes de tres das compañías que teñen realizado residencias recentemente nesta sala: Eva Alfonso, de Anómico Teatro; Diego Martínez Buceta, de Prácido Domino; e a creadora AveLina Pérez. Tamén foi presentada hoxe a estrea do novo espectáculo da Cía. Ensalle, Procedimientos ante el vacío, subvencionado pola Xunta a través da convocatoria anual de axudas da Agadic á produción escénica. As súas primeiras funcións terán lugar o venres 29 e o sábado 30, ás 22,00 h., e o domingo 1, ás 21,00 h.
 
Sutil explicou que co apoio a esta nova plataforma de investigación, búscase “poñer en valor, sistematizar e ofrecer unha visión global sobre o moito que se está a facer desde o espazo vigués a prol da creación escénica actual”. Neste sentido, o proxecto ten como aval os máis de 15 anos de experiencia de Teatro Ensalle no desenvolvemento de propostas de creación en residencia con compañías de dentro e fóra de Galicia.
 
Liñas mestras e obxectivos
Entre as liñas mestras de .EXE están a promoción da investigación arredor das novas narrativas escénicas, o fomento das confluencias entre as diversas disciplinas artísticas, o apoio á creación a través da coprodución, a captación dun público especializado para testar os traballos en proceso ou a asesoría nos procesos de produción, distribución e promoción.
 
Na actualidade, a sala viguesa alberga cinco compañías coas que bota a andar a plataforma: tres de danza (Pisando Ovos de Galicia, Provisional Danza de Madrid e Cielo Raso do País Vasco) e dúas de teatro (Compañía Ensalle e Anómico Teatro de Galicia), ademais de acoller o último ano outras 10 formacións en residencia.
 
Os seus obxectivos iniciais son realizar un mínimo anual de 80 días de residencia artística ou técnica de compañías distintas á do propio Teatro Ensalle, ofrecer 20 días de programación para formacións galegas de nova creación ou proxectos xurdidos ao abeiro do Espazo Xerador Ensalle, impulsar a xira estatal destas compañías e favorecer a mobilidade das creacións galegas en programacións foráneas, como a Red de Teatros Alternativos. Tamén organizar encontros regulares entre profesionais, estudantes de artes escénicas e público, así como facer deste proxecto un observatorio da creación contemporánea galega, con especial atención á danza.
 
Jacobo Sutil inseriu a colaboración con esta iniciativa na liña de traballo que a Axencia Galega das Industrias Culturais mantén con outros programas similares, como as Residencias Paraíso de danza, promovidas polo colectivo RPM en cinco concellos (A Coruña, Narón, Carballo, Lugo e Ourense) ou as do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago.
 
Procedimientos ante el vacío
En canto ao novo espectáculo de Ensalle, Procedimientos ante el vacío, o director da Agadic explicou que recibiu unha axuda duns 17.000 euros a través da modalidade de espectáculos de pequeno formato das subvencións á produción escénica. Este ano foron 31 montaxes galegas de diferentes formatos e estilos as que se beneficiaron desta convocatoria pública, dotada con 600.000 euros.
 
Pedro Fresneda e Mónica Valenciano dirixen esta peza arredor do comportamento individual e social ante o inesperado, que interpretan Raquel Hernández e Artús Rei xunto aos músicos David Santos (baixo) e Nacho Muñoz (piano e sintetizadores). As entradas están dispoñibles para a súa reserva no web http://teatroensalle.com.