Feira do Leste presenta os seus dous espectáculos no Salón Teatro de Santiago durante a súa residencia no CDG

   O escenario compostelán ofrece dúas funcións de ‘Exilio das moscas’ o xoves e o venres, e outras dúas de ‘Tras Tannhäuser’ o sábado e o domingo

  Esta nova compañía galega de teatro experimental e novas dramaturxias traballa esta semana na sede do Centro Dramático Galego dentro do seu programa de residencias, que tamén acolle a Javier Martín, Anómico Teatro e A Panadaría

Feira do Leste presenta os seus dous espectáculos no Salón Teatro de Santiago durante a súa residencia no CDG
[26/09/2017]
Os integrantes de Feira do Leste, nova compañía galega de teatro experimental e novas dramaturxias, traballan esta semana no Salón Teatro de Santiago dentro do programa de residencias do Centro Dramático Galego. A súa estadía na sede da compañía pública culminará coa representación dos seus dous espectáculos.

Os títulos son Exilio das moscas (na imaxe), que poderá verse o xoves 28 e o venres 29, ás 20,30 h., e Tras Tannhäuser, que subirá a escena o sábado 30, ás 20,30 h,. e o domingo 1, ás 18,00 h.
 
Ernesto Is é o autor de ambas as propostas, dirixidas por César No. Sonsoles Cordón, Nerea Brey, Hugo Rodríguez e Germán Gundín interpretan a primeira delas, Exilio das moscas, que supuxo o debut da compañía en 2016. Trátase dun proxecto cunha clara dimensión performativa e posdramática, vinculado ao teatro físico e ás linguaxes escénicas e audiovisuais. Con el, Feira do Leste foi seleccionada para participar no VI Festival Vigo en Bruto, na SET (Semana das Escolas de Teatro) do Porto (Portugal) e no Festival de Teatro Universitario de Santiago, entre outros encontros.

Neste espectáculo, teas, maletas, fotografías en branco e negro, soldados de xoguete, roupas de época e outros elementos do imaxinario do exilio adquiren un novo sentido para levar ás táboas temas de absoluta actualidade, como as migracións, o feminismo, o racismo, os abusos de poder, a guerra, as raíces e a sátira política.
 
Seguindo a senda de Exilio das moscas, Feira do Leste estreou o pasado mes de febreiro Tras Tannhäuser, seleccionado polo Programa de Creación Joven Injuve 2017 e que se presentará tamén no Teatro Pradillo de Madrid. A montaxe aborda os medos desde unha óptica xeracional a partir dunha cea de amigas, interpretadas por Sonsoles Cordón, Nerea Brey e Bruna Trémula, que acaba converténdose nunha tempestade.
 
Venda de entradas
As entradas para ambas as pezas poderán adquirirse na billeteira do Salón Teatro os días de representación desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O seu prezo é de 10 euros, cos descontos habituais, para as funcións do xoves, venres e sábado, e de 5 euros para o domingo, día do espectador na sede do CDG.

Con base en Vigo, Feira do Leste xorde a finais do ano 2015 da unión de novos profesionais da interpretación, da dramaturxia e da dirección escénica, formados na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia. O seu obxectivo é explorar desde o traballo colectivo distintos campos de expresión artística e temática no teatro físico, a performance ou a danza.
 
A pesar da súa xuventude, os seus integrantes contan con ampla formación e experiencia escénica e audiovisual, adaptando esas linguaxes multidisciplinares dentro das novas manifestacións teatrais de carácter posdramático.
 
Feira do Leste é unha das catro compañías da nova temporada de residencias artísticas e técnicas do Centro Dramático Galego xunto a Javier Martín, Anómico Teatro e A Panadaría, así como do programa Dramaturxente de apoio á dramaturxia galega.

-Centro Dramático Galego

-Feira do Leste