O Festival Internacional de Teatro de Ourense celebra unha nova edición co apoio económico da Xunta

  O X FITO, que terá lugar do 5 ao 15 de outubro, é un dos eventos subvencionados pola Agadic a través da convocatoria de axudas a mostras profesionais de artes escénicas

  Entre as actividades deste ano, destacan os seus 13 espectáculos en cartel e o terceiro Encontro Mulleres Creando

O Festival Internacional de Teatro de Ourense celebra unha nova edición co apoio económico da Xunta
[27/09/2017]
O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) desvelou hoxe o programa da súa décima edición, que do 5 ao 15 de outubro presentará en varios espazos da cidade as propostas de 13 compañías procedentes de diferentes puntos de España, Arxentina e Portugal, ademais das mesas redondas, cursos e espectáculos do III Encontro Mulleres Creando.

Organizado por Sarabela Teatro, o FITO volve contar este ano co apoio económico da Xunta a través dasaxudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais profesionais de artes escénicas e de música.
 
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou nesta presentación, onde explicou que o FITO é unha das 20 citas subvencionadas en 2017 mediante esta convocatoria, da que resultaron adxudicatarias outras oito mostras escénicas.
 
Xunto con el, interviñeron neste acto os representantes do resto das entidades patrocinadoras e colaboradoras da cita ourensá: o alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez Abad; o vicepresidente da Deputación Provincial, Rosendo Fernández; a concelleira de Cultura, Belén Iglesias; a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, e o vicerreitor do Campus de Ourense  da Universidade de Vigo, Virxilio Rodríguez, ademais da directora do festival, Sabela Gago.
 
Estreas
Sutil incidiu na calidade dos espectáculos en cartel, entre os que figura a estrea de Cranio privilexiados, da compañía galega Mofa e Befa, e as presentacións por primeira vez en España das montaxes Mirá! Miró! Mirando!, da portuguesa Arteimaxen, e Ninguna mujer nace puta, da arxentina Sonia Sánchez, esta última dentro das actividades que Mulleres Creando desenvolverá do 13 ao 15 de outubro.
 
Referiuse especificamente á presenza nesta oferta internacional doutros destacados nomes da escena galega, como Matarile, AveLina Pérez, Contraproducións e Voadora, como parte da carteleira de exhibición; e Aldaolado e Mónica de Nut, no marco de Mulleres Creando. Xunto ás devanditas compañías, actuarán en Ourense Pepa Plana (Cataluña), El Rayo Misterioso (Arxentina), Tiritirantes (Castela e León), Yllana (Madrid),  Chápito (Portugal), Teatro del Noctámbulo (Estremadura) e Inconstantes (Madrid).

Ademais, o director da Agadic fixo fincapé na celebración, por terceiro ano consecutivo, do encontro Mulleres Creando, dedicado a analizar o papel feminino no teatro, a cultura e a sociedade. Desta volta, ofreceralle ao pública unha reflexión sobre xénero e cultura en diferentes ámbitos a través da ollada das 37 mulleres que participarán na súas seis mesas redondas.


-FITO
-Vídeo promocional