O Centro Coreográfico Galego convoca o seu programa de coproducións para a selección de tres proxectos

  O 17 de outubro remata o prazo de solicitude da convocatoria, dirixida a creadores ou compañías privadas de danza de carácter profesional con sede en Galicia

  Cada unha das propostas elixidas contará cunha achega máxima de 20.000 euros, ademais de ter á súa disposición a sede do CCG para o seu desenvolvemento

O Centro Coreográfico Galego convoca o seu programa de coproducións para a selección de tres proxectos
[01/10/2017]
O Centro Coreográfico Galego (CCG) acaba de poñer en marcha o seu novo programa de coproducións 2017-2018 coa convocatoria para a selección dos tres proxectos de danza que recibirán apoio a través desta iniciativa. O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o 17 de outubro.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) destinará un máximo de 20.000 euros a cada unha das propostas elixidas neste proceso, dirixido a creadores/as e compañías privadas de danza carácter profesional que propoñan proxectos orixinais e inéditos. A convocatoria establece que esta achega non poderá superar o 80% do orzamento total do proxecto, ao tempo que sinala que o CCG cederá a sala de ensaios da súa sede da Coruña para o desenvolvemento destes traballos.
 
Criterios de valoración
Un comité integrado por cinco persoas de recoñecido prestixio neste ámbito artístico e presidido pola directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, será o encargado de valorar as solicitudes presentadas. Con tal fin, analizará e puntuará criterios que teñen que ver coa calidade e interese do proxecto artístico, a traxectoria profesional e solvencia da compañía e dos artistas, a achega á renovación das artes escénicas galegas e os apoios doutras estruturas no proceso de produción e no seu financiamento.
 
As propostas deberán enviarse ao rexistro oficial da Agadic seguindo as instrucións especificadas na convocatoria, que pode consultarse na sección de avisos deste web e en www.centrocoreografico.gal.
 
Entre a documentación que se solicita, debe achegarse unha memoria explicativa do proxecto, onde figure ademais a data e o espazo previstos para a estrea do espectáculo; o seu orzamento pormenorizado e a traxectoria da entidade xunto cos currículos dos integrantes do proxecto.
 
Nas anteriores temporadas, o Centro Coreográfico Galego coproduciu os espectáculos Son, de Nova Galega de Danza, e Atlántica, de BalletNorte. Esta nova  convocatoria súmase a outras iniciativas de coprodución e/ou residencia que contan co apoio da Agadic no ámbito da danza, como as Residencias Paraíso, promovidas polo colectivo RPM en cinco concellos (A Coruña, Narón, Carballo, Lugo e Ourense), ou proxecto .EXE do Teatro Ensalle de Vigo.