Tui acolle oito espectáculos ata finais de ano como membro da Rede Galega de Teatros e Auditorios

  O director da Agadic participou na presentación desta axenda cultural, onde destacou o papel do Teatro Municipal tudense como un dos máis activos do circuíto que a Xunta mantén xunto coas entidades locais xestoras dos seus 44 espazos asociados

   Trompicallo, IlMaquinario, ArtesaCía, María Fumaça, A Panadaría, Pistacatro, Redrum e Contraproducións figuran na nova carteleira, que se completa con teatro para bebés e o tradicional concerto de Nadal

Tui acolle oito espectáculos ata finais de ano como membro da Rede Galega de Teatros e Auditorios
[02/10/2017]
O Teatro Municipal de Tui presentou hoxe as 10 citas culturais que acollerá ata finais de ano, das que oito forman parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. A Agadic cofinancia este circuíto coas entidades que xestionan os 44 espazos asociados para ofrecerlles aos espectadores 539 funcións escénicas e concertos en 2017.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe nesta presentación xunto ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Ensino e Cultura, María José González, e os representantes da meirande parte das compañías que lle dan forma a esta carteleira, cen por cento galega.

Teatro, música e circo
En Tui, a nova programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios arrancará esta fin de semana con Planeta Ardora, espectáculo de monicreques para público familiar que Trompicallo representará o venres 6 ás 20,00 h., e Resaca, a última produción de IlMaquinario Teatro, que se poderá ver o sábado 7 ás 20,30 h.

A continuación, chegarán ao Teatro Municipal ArtesaCía con Chola, a it girl (20 de outubro), María Fumaça co musical Aire (21 de outubro), A Panadaría con Elisa e Marcela (3 de novembro), Pistacatro con Outono (4 de novembro), Redrum con A nena que quería navegar (11 de novembro) e Contraproducións con Nacidas libres (17 de novembro). Ademais da súa oferta en rede, este espazo acollerá o espectáculo para bebés Redondo, que Caramuxo porá en escena o 10 de novembro, e o tradicional concerto de Nadal pola Orquestra Sinfónica de Tui (22 de decembro).

Na súa intervención, o director da Agadic subliñou o compromiso do Teatro Municipal tudense coa produción escénica galega, así como o seu papel como un dos escenarios máis activos da Rede Galega de Teatros e Auditorios. “Ao longo deste anos Tui ten avanzado como un destino escénico importante dentro do mapa galego, cunha dinámica de funcionamento capaz de lle dar resposta non só á demanda do público local, senón tamén á de toda a comarca e mesmo dos concellos portugueses limítrofes”, asegurou.

Sutil lembrou que a Rede Galega de Teatros e Auditorios conta este ano cun orzamento de 1,5 millóns de euros a través do que se contratan as actuacións de 144 compañías profesionais de teatro, música, danza, maxia e circo, galegas na súa meirande parte. Explicou, ademais, que este investimento vén experimentando un progresivo incremento nos últimos anos (dun 8,2% respecto a 2016 e de máis do 30% respecto a 2014) co obxectivo de reforzar o papel deste circuíto, con máis de 20 anos de traxectoria, como canle estable para o encontro entre o público e a nova produción escénica e musical galega.

-Cultura Tui