A residencia de Javier Martín no CDG ábrese ao público cun seminario, encontros e dúas funcións de 'O estado cru'

  O coreógrafo coruñés impartirá mañá no Salón Teatro o taller de movemento ‘Corpo e vibración’, ademais de protagonizar unha conversa con Antón Lopo e outros convidados arredor do papel do repertorio e da improvisación na práctica creadora

  No sétimo aniversario da súa estrea, a peza ‘O estado cru’ subirá de novo a escena o venres ás 20,30 h. e o sábado ás 19,00 h.

 A residencia de Javier Martín no CDG ábrese ao público cun seminario, encontros e dúas funcións de 'O estado cru'
[03/10/2017]
O Centro Dramático Galego acolle por primeira vez o coreógrafo e bailarín Javier Martín, quen participa esta semana no programa En Residencia que o CDG mantén no Salón Teatro. Con tal motivo, o creador está a desenvolver un intenso programa de accións formativas e actividades abertas ao público, que culminarán esta fin de semana con O estado cru.

Coincidindo co sétimo aniversario da súa estrea, a peza regresa ás táboas con dúas funcións en Compostela o venres 6, ás 20,30 h., e o sábado 7, ás 19,00 h. Este solo de danza baséase no traballo de improvisación a nivel de movemento e de luz para lle dar forma a unha traxedia no sentido clásico, na que –segundo o seu creador e intérprete– se bailan esas situacións nas que se mira o inimigo coa animosidade de quen ve no outro os defectos propios.
 
Espectáculo destacado en Dance from Spain
Un monte de rosas vermellas, un esqueleto ou unha cornamenta de cervo son algúns dos elementos que acompañan o bailarín en O estado cru, coreografía que se presentou en distintos escenarios da península e foi destacada o ano pasado no catálogo Dance from Spain, editado pola Federación Estatal de Compañías y Empresas de Danza.
 
As entradas para as súas representacións en Santiago, tras as que Javier Martín manterá cadanseu encontro co público, están xa á venda no web entradas.abanca.com e mais no teléfono 902 434 443. Os días das funcións poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do inicio do espectáculo.
 
Conversa de entrada libre
Esta residencia intensiva inclúe, así mesmo, a conversa ‘Repertorio e improvisación’, que Martín manterá co escritor, actor e editor Antón Lopo e con outros convidados da profesión escénica galega. A traxectoria do coreógrafo será o punto de partida para abordar cuestións como o exercicio da práctica creadora, o contexto actual das artes vivas e os usos alternativos dos espazos culturais e académicos, ademais de para analizar como conviven na actualidade conceptos como repertorio, novidade e improvisación. A cita, de entrada libre ata completar a capacidade, será mañá mércores, ás 18,00 h.
 
Tamén mañá, en horario de 10,00 a 14,00 horas, Javier Martín conducirá no Salón Teatro o seminario ‘Corpo e vibración’, organizado en colaboración co festival Curtocircuíto, dentro da sección cos encontros Arredor do son, e co programa de formación audiovisual Galicia ProFilme da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O número de participantes nesta acción, ideada como unha investigación en comunidade ou práctica aberta, ampliouse finalmente a 26 persoas ante a súa gran demanda.
 
Ademais, o creador impartiu onte dous obradoiros de movemento a alumnado de institutos de Bacharelato, en colaboración co proxecto formativo CI+, e esta mesma mañá, unha xornada de traballo co Grupo de Investigación Performa da Universidade de Santiago de Compostela.
 
Traxectoria
Javier Martín desenvolve o seu proxecto de investigación no ámbito das artes do movemento a través da creación do discurso e a aplicación do mesmo no desenvolvemento de seminarios interdisciplinares, conferencias performativas, grupos de investigación e, sobre todo, na creación de espectáculos.
 
Desde 2004 ten estreadas máis de 30 pezas en España, Francia, Rusia, Portugal, México e Ucraína. Recentemente, foi artista residente en EIRA (Lisboa), Kannon House (San Petersburgo), Centro Canal (Madrid) ou MUN (Pamplona), ademais de presentar os seus últimos proxectos na UNAM (Museo del Chopo) de México, no GogolFest de Kiev, no CCCB de Barcelona, no Theatro Circo de Braga, no Centre Pompidou de Málaga, no Museo Reina Sofía de Madrid e na Universidade da Sorbona de París, entre outros espazos. Colabora habitualmente con artistas de diferentes disciplinas, como o músico ruso Oleg Karavaichuk.
 
É un dos artistas que participa nova temporada de residencias artísticas e técnicas do Centro Dramático Galego, xunto a Feira do Leste, Anómico Teatro e A Panadaría, así como no programa Dramaturxente de apoio á dramaturxia galega.

-Centro Dramático Galego
-Javier Martín