Anómico Teatro culmina a súa residencia no CDG coa estrea do espectáculo 'Chuvia'

  A montaxe, subvencionada pola Xunta a través das axudas á produción escénica da Agadic, represéntase no Salón Teatro de Santiago mañá e o sábado ás 20,30 h. e o domingo ás 18,00 h.

  Julio Fernández Peláez é o autor e director da nova proposta da compañía viguesa, que interpretan Manu Dosouto, Roberto Leal e Alberto Rolán

Anómico Teatro culmina a súa residencia no CDG coa estrea do espectáculo 'Chuvia'
[19/10/2017]
A compañía viguesa Anómico Teatro estrea esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago o espectáculo Chuvia, que presenta por vez primeira en público dentro do programa En Residencia do CDG. A montaxe, escrita e dirixida por Julio Fernández Peláez, poderá verse en Compostela mañá e o sábado ás 20,30 h. e o domingo ás 18,00 h.

Esta proposta foi unha das 31 subvencionadas este ano pola Xunta de Galicia a través da última convocatoria de axudas da Agadic á produción escénica. Coa súa estrea, Anómico Teatro culmina a súa semana de estadía artística e técnica na sede do CDG, onde ultima os preparativos para as primeiras representacións de Chuvia, que interpretan Manu Dosouto, Roberto Leal e Alberto Rolán.

A desconfianza como tema
A obra, seleccionada para o XX Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas que a Fundación SGAE organizou en Madrid, xira arredor da desconfianza como tema principal a partir da aparición dun home espido na casa de Watt e Olf. En palabras da propia compañía, ten un marcado carácter alegórico e surrealista, onde a inacción e inercia dos seus personaxes contrasta co drástico devir dos acontecementos.

As entradas para Chuvia están xa á venda no web entradas.abanca.com e mais no teléfono 902 434 443. Os días das funcións poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do inicio do espectáculo. O seu prezo é de 10 euros, cos descontos habituais, para as funcións do venres e sábado, e de 5 euros para o domingo, Día do Espectador na sede do CDG.

Novas linguaxes escénicas
Julio Fernández Peláez e Eva Alfonso crearon Anómico Teatro en 2011 co obxectivo de se centrar na investigación arredor das novas linguaxes escénicas, así como na procura dunha poética e dunha estética teatrais propias. Con Chuvia, serán oito as propostas que teñan levado a escena, tras Esgotar os ollos, Julieta Virtual, Exceso de conversación con gaviotas, Preferiría no hacerlo, Ensayo sobre la lejanía, Optimismo Florence e Paisajes en extinción.

Anómico é unha das compañías residentes do Teatro Ensalle de Vigo e, como tal, participa desde este ano no novo proxecto .EXE, que a sala viguesa desenvolve co apoio económico da Agadic. Así mesmo, forma parte da nova temporada dos programas do CDG En Residencia e Dramaturxente, de apoio á dramaturxia galega, xunto a Feira do Leste, Javier Martín e A Panadaría.

-Anómico Teatro