O Foro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia desenvolve máis de 80 reunións na procura de proxectos conxuntos

  A Agadic e o Instituto do Cinema e do Audiovisual portugués organizan por terceiro ano consecutivo este foro bilateral no marco do festival OUFF de Ourense

  Os representantes dunha trintena de produtoras e entidades de ambos países participan no evento que está a ter lugar no Liceo ourensán

O Foro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia desenvolve máis de 80 reunións na procura de proxectos conxuntos
[21/10/2017]

Os representantes dunha trintena de entidades e produtoras galegas e portuguesas participan hoxe en Ourense no III Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia que, por terceiro ano consecutivo, organizan a Agadic e o Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) no Festival de Cine Internacional de Ourense OUFF.


Este foro bilateral desenvólvese no Liceo, onde os participantes foron recibidos polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o director do OUFF, Fran Gayo. Tras esta benvida, deron comezo as primeiras das máis de 80 reunións concertadas pola organización para que os responsables das compañías acreditadas entren en contacto directo con potenciais socios estratéxicos cara á coprodución de proxectos para cinema e televisión.

O director da Agadic referiuse á consolidación desta iniciativa como “necesaria plataforma para afondar nas relacións entre os sistemas audiovisuais galego e luso, tanto no eido institucional como profesional”. “O impulso da relación cos axentes das industrias creativas e culturais de Portugal é unha prioridade para a Xunta de Galicia”, engadiu Sutil.

Neste sentido, agradeceulles ás empresas participantes a súa positiva resposta á convocatoria da Agadic e do ICA, así como ao Concello de Ourense a súa colaboración á hora de desenvolver este evento dentro do seu Festival de Cine Internacional. “Situar esta xuntanza como unha actividade dentro do OUFF facilítanos a posibilidade de sumar esforzos para a proxección internacional do noso cinema e implica activamente á Xunta na filosofía do festival de lle sumar á carteleira de proxeccións sinerxías de traballo dinamizadoras do sector audiovisual en toda a súa extensión”, concluíu.

Empresas asistentes
Ademais dos representantes institucionais, este terceiro encontro de coprodución está a propiciar o intercambio entre 15 entidades galegas e 12 portuguesas. Pola banda galega, participan a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Adiviña Producións, Agallas, Cinemar, Control Z, CTV, Ficción Producciones, Ollo Vivo, Portocabo, Recrea, Sr. Pause, Vía Láctea Filmes, Voz Audiovisual, Walkie Talkie Films e Televisión de Galicia (TVG).

Desde Portugal desprazáronse ata Ourense os representantes de Anexo 82, Animais AVPL, David&Golias, Jumpcut, Lightbox, Lx Filmes, Mares do Sul, Original Features, Stopline Filmes, Take 2000, Zulfilmes e Radio Televisão de Portugal (RTP).

Os participantes chegan a este foro tanto con proxectos cinematográficos como televisivos en fase de desenvolvemento, que están a ser postos en común nas roldas de reunións na procura de novas oportunidades de financiamento. O obxectivo último é a coprodución de produtos audiovisuais que, ademais da colaboración económica, implique tamén o intercambio de profesionais técnicos e artísticos entre ambas as beiras do Miño.

Na imaxe, unha das reunións mantidas na pasada edición do encontro.

-OUFF