A Panadaría representa no Salón Teatro a súa coprodución co CDG 'Elisa e Marcela'

  As integrantes da compañía ultimaron o seu novo espectáculo durante unha residencia artística de 20 días na sede do Centro Dramático Galego, onde se poderá ver do xoves 26 ao domingo 29

  Gena Baamonde dirixe esta proposta arredor da voda entre dúas mulleres que tivo lugar en 1901 na Coruña e que está considerada como o primeiro casamento homosexual en España

A Panadaría representa no Salón Teatro a súa coprodución co CDG 'Elisa e Marcela'
[24/10/2017]
Elisa e Marcela, de A Panadaría en coprodución co CDG e co Concello de Rianxo, chega a Santiago para desenvolver catro funcións de xoves a domingo no Salón Teatro. A montaxe leva por primeira vez a escena a historia da voda de dúas mulleres que tivo lugar na Coruña en 1901, considerada o primeiro casamento homosexual de España.

A proposta contou tamén co apoio do Centro Dramático Galego a través do programa En Residencia, dentro do que o equipo de A Panadaría –coa directora Gena Baamonde e as actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman á fronte– desenvolveu 20 días de estadía artística e técnica o pasado mes de setembro na sede da compañía da Xunta de Galicia.

Elisa e Marcela insírese, así mesmo, na iniciativa Dramaturxente, que acolle no Salón Teatro a representación de pezas froito das novas dramaturxias galegas. En concreto, o texto deste espectáculo está asinado polas súas intérpretes e directora xunto a Esther F. Carrodeguas. A compañía é unha das catro seleccionadas para a nova temporada de ambos os programas do Centro Dramático Galego xunto a Feira do Leste, Javier Martín e Anómico Teatro.


As dúas mulleres que lle dan título á que é a terceira montaxe de A Panadaría casaron nunha cerimonia relixiosa na igrexa de San Xurxo da Coruña, de xeito que para enganar o cura e poder facer oficial o seu amor, Elisa transformouse en Mario. A voda e os sucesos posteriores que marcaron as súas vidas convertéronas non só no primeiro matrimonio homosexual de España, senón tamén nunhas das mulleres máis transgresoras da historia de Galicia e en todo un símbolo do colectivo LGTBQI.

Horarios e venda de entradas
As catro funcións de Elisa e Marcela no Salón Teatro terán lugar do xoves 26 ao sábado 28, ás 20,30 h., e o domingo 29, ás 18,00 h. As entradas está á venda no web entradas.abanca.com e mais no teléfono 902 434 443. Ademais, os días das representacións poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes do inicio do espectáculo. O seu prezo é de 10 euros, cos descontos habituais, para os seus tres primeiros pases, e de 5 euros para o domingo, Día do Espectador na sede do CDG.

A pesar da súa recente traxectoria, A Panadaría ocupa xa un lugar destacado no actual panorama escénico galego grazas ao traballo creativo das súas integrantes, o uso da música vocal e o humor. Co seu primeiro espectáculo, Pan! Pan!, recibiu o primeiro premio do certame Xuventude Crea 2013, o Premio da Crítica de Galicia en 2015 e, nese mesmo ano, o Premio María Casares á mellor actriz secundaria para Areta Bolado.

Elisa e Marcela, que estrearon o pasado día 14 no Rosalía Castro da Coruña dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, representouse a pasada fin de semana en Vigo e, tras a súa estadía en Santiago, poderá verse en Tui, Pontevedra, O Barco de Valdeorras e Vimianzo, entre outras localidades.

-A Panadaría