Teatro do Noroeste estrea na Coruña o espectáculo subvencionado pola Xunta 'Animais de compañía'

  O Teatro Colón acolle o sábado e o domingo as primeiras funcións desta comedia musical para público familiar, escrita por Eduardo Alonso e interpretada por Imma António e Manuela Varela

  É unha das 31 novas propostas apoiadas este ano pola Agadic a través da convocatoria de axudas á produción escénica

Teatro do Noroeste estrea na Coruña o espectáculo subvencionado pola Xunta 'Animais de compañía'
[02/11/2017]
O Teatro Colón da Coruña acollerá esta fin de semana a estrea de Animais de compañía, comedia musical para público familiar que Teatro do Noroeste representará o sábado ás 18,00 h. e o domingo ás 12,00 h., ademais de levar a cabo unha campaña escolar neste mesmo escenario do 7 ao 10 de novembro.

A montaxe é unha das 31 novas propostas subvencionadas en 2017 pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través da súa convocatoria anual de axudas á produción escénica. Así o sinalou hoxe o director da Agadic, Jacobo Sutil, na súa intervención durante a presentación aos medios do espectáculo, na que compartiu mesa con Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Eduardo Alonso, autor e director de Animais de compañía; e as actrices Imma António e Manuela Varela.

En palabras de Sutil, estamos diante dun “proxecto global de dinamización teatral a través da posta en escena dun espectáculo para todos os públicos, que vén acompañado por unha traballada campaña de difusión escolar e a edición dun caderno pedagóxico pensado para preceder, transcender e amplificar nas aulas a experiencia no patio de butacas”.

Trinta aniversario
Lembrou, así mesmo, que Teatro do Noroeste continúa a celebrar en 2017 os seus 30 anos sobre as táboas, durante os que a compañía fundada por Eduardo Alonso e Luma Gómez ten levado a escena preto de 40 espectáculos.

Pola súa banda, Eduardo Alonso agradeceulle á Consellería de Cultura o seu apoio continuado durante esta longa traxectoria, así como á Deputación da Coruña a súa colaboración para a estrea de Animais de compañía no Teatro Colón. Tamén fixo fincapé na contribución de ambas institucións á celebración do devandito aniversario, a través de iniciativas como a edición do libro conmemorativo Teatro do Noroeste. 30 anos actuando.

Recomendada para todos os públicos a partir dos 6 anos de idade, Animais de compañía é unha comedia musical en forma de fábula, protagonizada por unha cadela e unha gata ás que lles dan vida Imma António e Manuela Varela, respectivamente. Como nas fábulas clásicas, os dous animais toman características humanas para construír un proceso de aprendizaxe sobre valores éticos como a convivencia e o respecto á diversidade. Tratando en clave de comedia unha situación cotiá nunha casa dunha moza amante dos animais, a peza establece un paralelismo entre a situación que viven estas mascotas e o que acontece na sociedade actual.

Ademais de Eduardo Alonso na dirección, autoría e iluminación, e do dúo interpretativo, no equipo artístico de Animais de compañía figuran tamén Bernardo Martínez na composición musical, Equipo Taetro na escenografía e vestiario, Julia Méndez na coreografía e Eva Alonso na produción.

En xira
Tras a súa estrea na Coruña, a nova proposta de Teatro do Noroeste poderá verse o 1 de decembro no Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo, como parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto xestionado pola Agadic en colaboración cos seus máis de 40 espazos asociados. Ao tempo, a compañía continúa desenvolvendo a xira de Estado de graza, espectáculo que tamén estreou este ano.

Teatro do Noroeste é unha compañía profesional galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria, ten producido e distribuído unha gran cantidade de propostas. Entre elas pódense salientar textos clásicos como Rei Lear, Macbeth e Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; ata textos máis contemporáneos como Os Xustos, de Albert Camus. Tamén ten levado a escena obras de autores galegos como Historias peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ademais das numerosas pezas asinadas polo propio Eduardo Alonso.

-Teatro do Noroeste