O V Encontro de Guionistas reúne en Santiago máis de 150 profesionais de toda España

  A Xunta apoia a celebración en Galicia desta quinta edición do evento, organizado pola Federación de Asociaciones de Guionistas Audiovisuales, o sindicato de guionistas ALMA e a Asociación Galega de Guionistas

  Sergio G. Sánchez, autor de ‘El orfanato’ e ‘Lo imposible’, abriu esta tarde o programa de charlas e relatorios que terá lugar no Auditorio de Galicia ata o vindeiro sábado

O V Encontro de Guionistas reúne en Santiago máis de 150 profesionais de toda España
[02/11/2017]
Máis de 150 profesionais do audiovisual de toda España danse cita desde hoxe e ata o vindeiro sábado en Santiago con motivo do V Encontro de Guionistas. Para esta quinta edición do evento, as entidades organizadoras contan co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e de Galicia Calidade, entre outras achegas.

O Auditorio de Galicia é o escenario deste evento, organizado por Federación de Asociaciones de Guionistas Audiovisuales (FAGA), sindicato de guionistas ALMA e Asociación Galega de Guionistas (Agag). O encontro arrancou esta tarde cun acto inaugural no que participou o director da Agadic, Jacobo Sutil, xunto aos representantes do resto das entidades organizadoras e colaboradoras. Sutil enmarcou a colaboración da Xunta con esta iniciativa na “identificación da figura do guionista como o factor humano clave na orixe do produto audiovisual”, ademais de subliñar os logros acadados neste ámbito polos profesionais galegos, que conseguiron situar “guións orixinais na nosa lingua tanto en series de televisión que teñen sido exportadas con éxito, como en películas posteriormente dobradas para seren distribuídas no mercado nacional e mesmo internacional”.

Subvencións e foros
Lembrou, así mesmo, algunhas das iniciativas de apoio aos profesionais deste ámbito promovidas pola Agadic, como as convocatorias anuais de subvencións ao talento audiovisual galego e ao desenvolvemento de proxectos, o programa de formación continua Galicia ProFilme, o foro Firma e Filme ou o encontro internacional Conecta Fiction, que celebrou a súa primeira edición o pasado mes de xuño en Santiago co obxectivo de poñer en relación os mercados de series de Europa, Latinoamérica e Estados Unidos de fala hispana. A directora de Conecta Fiction, Geraldine Godard, protagonizará precisamente unha das intervencións de mañá para testemuñar a aposta deste evento pola creación de guións a través dunha sección específica organizada en colaboración coa Fundación SGAE.

Tras o acto inaugural, o guionista e director Sergio G. Sánchez foi o encargado de abrir o programa de charlas e relatorios como protagonista da conversa Guións que traspasan fronteiras, durante a que foi entrevistado por Ana Hormaetxea, presidenta da FAGA. Colaborador de J.A. Bayona como autor dos guións de El orfanato ou Lo imposible, Sergio G. Sánchez afondou na súa traxectoria profesional e, en especial, no seu último filme, El secreto de Marrowbone, do que é autor e realizador e que foi estreado a pasada semana nas salas comerciais.

O impacto das novas plataformas dixitais
Tras a sesión desta tarde, os inscritos terán por diante outras dúas intensas xornadas de traballo coa participación de máis de 40 relatores. O impacto das novas plataformas dixitais, como Movistar, Netflix ou HBO, será un dos temas centrais da programación, durante a que tamén se abordarán cuestións legais como a posta en marcha do novo Estatuto do Artista, actualmente a debate na Subcomisión de Cultura do Congreso dos Deputados.

O Encontro de Guionistas consolídase nesta edición como o principal foro de debate e posta en común das tendencias actuais neste ámbito. Entre os relatores que compartirán a súa experiencia cos asistentes atópanse tamén Rafael Cobos, guionista de La isla mínima ou El hombre de las mil caras, quen falará do seu traballo na serie de Movistar La peste; Gema Neira, de Las chicas del cable; Alberto Marini, de Mientras duermes ou El desconocido; Diego Sotelo, quen exporá o proceso de adaptación do libro Fariña á serie que comezou a rodarse este verán en diferentes localizacións de Galicia; ou   as guionistas Marta Sánchez e Olatz Arroyo, que ofrecerán o relatorio Muller e comedia, organizado pola Asociación de Mujeres Creadoras CIMA.

-V Encuentro de Guionistas