A Agadic colabora co foro FEED'17 para afondar na diversidade do sector da edición e o deseño

  Este encontro bienal, organizado pola Asociación Galega de Deseño, desenvólvese hoxe e mañá no CGAC arredor dunha decena de obradoiros, conferencias e mesas de debate

  O director da Agadic participou esta tarde no acto inaugural do evento, no que destacou o papel clave destes profesionais no conxunto das industrias culturais

A Agadic colabora co foro FEED'17 para afondar na diversidade do sector da edición e o deseño
[03/11/2017]

Profesionais do deseño de toda a Península Ibérica danse cita hoxe e mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, con motivo da celebración do Foro de Edición e Deseño FEED’17. A Asociación Galega de Deseño (DAG) organiza a cuarta edición deste encontro bienal co apoio económico da Agadic.


O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou esta tarde no acto de apertura do evento xunto ao presidente da DAG, Óscar Otero. Na súa intervención, Sutil incidiu no papel clave do ámbito da edición e do deseño no conxunto das industrias culturais, así como na súa dobre vertente de actividade económica e de transmisor de identidade cultural. “De feito, podemos dicir que este colectivo profesional é un dos mellores exemplos do que hoxe coñecemos como industrias creativas”, asegurou.

Subliñou, así mesmo, a importancia deste tipo de foros, non só á hora de propiciar a posta en común entre os profesionais, senón tamén na difusión social da súa heteroxeneidade e capacidade de evolución. Neste sentido, o programa deste ano busca ofrecer unha panorámica o máis completa posible do desenvolvemento profesional neste sector a través da análise dos seus diferentes ámbitos de especialización, das novas metodoloxías de traballo e de organización, e mesmo das estratexias á hora de abordar a relación cos clientes.

Visual thinking’
Conta para este fin con nove destacados profesionais de España e Portugal, con traxectorias e especialidades moi diversas, que son os encargados de impartir os obradoiros e conferencias arredor dos que se estrutura este FEED’17. A actividade deu comezo esta mañá con Elena Urizar, especialista en visual thinking, quen lles achegou aos inscritos a utilidade práctica de incorporar esta linguaxe ás empresas e procesos de traballo.

Esta mesma tarde, o deseñador galego de produto Lois Guillán presenta a metodoloxía que aplica nos seus obradoiros para introducir os nenos nos procesos de deseño, mentres que João Martino e Miguel Almeida, do estudio portugués Non-Verbal Club, achegan a súa experiencia con clientes do ámbito cultural. Esta primeira xornada conclúe cunha mesa redonda coas escolas de deseño para debater con profesores e estudantes acerca das expectativas e preocupacións perante a súa inminente incorporación ao mercado laboral.

O programa previsto para mañá arrancará coa conferencia da deseñadora portuguesa de tipos Joana Correia, quen abordará a cuestión das tipografías variables, un dos avances máis importantes neste ámbito dos últimos tempos. Pola súa banda, a galega Coca Rivas, xefa de deseño en Inglaterra da empresa de tecnoloxía francesa Sopra Steri, compartirá a súa traxectoria no redeseño de servizos e na creación de equipos internos dixitais para o Goberno do Reino Unido.

O FEED’17 completarase cos relatorios de Francesco Furno e Pablo Galeano, fundadores do estudio de deseño gráfico Relajaelcoco, e da galega Bea Lema, quen pese a comezar a súa carreira como deseñadora de produto, acaba de gañar o Premio Castelao de Banda Deseñada.

-FEED'17