O CDG colabora con Pistacatro na organización en Santiago do curso 'Na corda frouxa'

   O taller que impartirá do 4 ao 6 de decembro no Salón Teatro o especialista en teatro físico e ‘clown’ Emilio Goyanes centrarase na aplicación dos fundamentos teatrais á técnica circense

  O prazo de solicitude para este encontro, dirixido a profesionais das artes escénicas, está aberto ata o 20 de novembro

O CDG colabora con Pistacatro na organización en Santiago do curso 'Na corda frouxa'
[07/11/2017]
Na corda frouxa é o título do curso sobre fundamentos de teatro aplicados aos espectáculos de circo, que o especialista en clown e teatro físico Emilio Goyanes impartirá no Salón Teatro de Santiago do 4 ao 6 de decembro. O CDG colabora na celebración na súa sede deste taller, organizado por Pistacatro e que conta tamén co apoio do INAEM.

Destinado a profesionais das artes escénicas, especialmente para aqueles con experiencia previa no ámbito circense ou estudantes de circo, o encontro conta con 15 prazas, que serán adxudicadas por orde de inscrición. A recepción de solicitudes manterase aberta ata o 20 de novembro, seguindo as instrucións que poden consultarse  no web www.centrodramatico.gal.

O teatro como punto de partida
O programa de Na corda frouxa sitúa o teatro no centro do proceso de mestura de disciplinas escénicas cara á xeración de novas linguaxes, partindo da base de que a verdadeira multidisciplinariedade debe darse no propio artista a partir da súa experiencia   profesional nos diferentes ámbitos e xéneros. Neste sentido, o teatro preséntase como unha porta de acceso para acadar unha visión máis global do feito escénico e comprender mellor os principios que rexen as súas propias técnicas.

A procura da intelixencia común, a espontaneidade unida á disciplina, a composición consciente do espazo, o uso das imaxes como fonte das emocións e a biomecánica como límite e fonte de liberdade son algúns dos contidos que se abordarán durante estas tres xornadas de formación.

Actor, autor, director, produtor e pedagogo, Emilio Goyanes iniciou a súa actividade profesional en 1983 e, desde entón, ten participado en 57 espectáculos. Ademais da súa traxectoria artística nas compañías Cambaleo e Laviebel, que fundou en 1982 e 1992, respectivamente, desenvolve unha intensa actividade formativa para profesionais do circo, do teatro e da danza.

Goyanes foi recoñecido en 2011 como mellor director de teatro musical nos Premios de Teatro Musical de Madrid e foi finalista en 2009 na categoría de mellor director dos Premios ADE. Con Laviebel obtivo, entre outros, os premios Max a mellor espectáculo musical por Cabaret Líquido en 2009 e á mellor dirección musical por La barraca del zurdo en 2011.

-Máis información

Imaxe: Emilio Goyanes, por Curro Medina. Fonte: Web de Laviebel