Un total de 3500 estudantes de 41 centros participan esta temporada nas actividades pedagóxicas do CGAI

  Desenvólvense catro programas que combinan o visionado de filmes na aula e na filmoteca coa creación de películas e fotografías por parte do alumnado

  Estas iniciativas achéganlle á rapazada o valor artístico do audiovisual, ademais de ofrecerlle o cinema e a fotografía como ferramentas de coñecemento transversais a outras materias

 Un total de 3500 estudantes de 41 centros participan esta temporada nas actividades pedagóxicas do CGAI
[08/11/2017]
O Centro Galego de Artes da Imaxe aumenta na temporada 2017-2018 a súa aposta polas actividades pedagóxicas nas que se involucra ao corpo docente, que recibe unha formación específica para trasladar os programas ás aulas. Durante este período, o CGAI traballará con 41 centros educativos, 62 docentes e uns 3500 estudantes.

Na actualidade, a filmoteca galega conta con catro programas que cumpren dúas funcións diferentes. Dunha banda, introducir o alumnado nun tipo de cine que non coñece, seguindo criterios máis artísticos que temáticos e achegándolles películas esenciais da historia do cine. Doutra, formar os estudantes no proceso de creación de filmes e fotografías.

CGAI Jr e CinEd, coa ollada no futuro
Na liña de traballo que incide no visionado, sitúanse CGAI Jr e CinEd, dirixidos a  nenos e nenas de primaria e secundaria, respectivamente. CGAI Jr é un programa aberto ao público, con sesións na filmoteca, pensado para crear o hábito de acudir á sala de cinema desde idades moi temperás. Tamén inclúe proxeccións programadas coas escolas, nas que se lle explica á rapazada a importancia dos títulos escollidos e se motiva o acceso ao cine fóra dos circuítos comerciais.

Esta metodoloxía intensifícase en CinEd. A través deste programa, os rapaces e rapazas non só ven fitas na filmoteca e extractos delas na aula, senón que traballan de xeito transversal en diversas materias a partir das propostas pedagóxicas que se lle achega previamente ao profesorado. Docentes dos centros involucrados aplícanas seguindo os seus criterios, baixo a formación e coordinación do CGAI. Así, buscase non só formar en cine, senón convertelo nunha ferramenta de coñecemento máis ampla.

Creacións colectivas con Cinema e Fotografía en Curso
A outra vertente destes programas é a da creación. Dentro de Cinema en Curso, varios destes centros contan con grupos que se converten durante uns meses en auténticos equipos de rodaxe, dirixindo de maneira colectiva unha película ao longo do curso. Cada participante asume unha parte da produción, sobre a que se toman decisións en conxunto, favorecendo o traballo en común e usando o cinema para desenvolver cadansúas aptitudes. Tanto para esta iniciativa, como para a súa variante Fotografía en Curso, os docentes reciben formación específica, ademais de contar coa titoría de recoñecidos profesionais do sector no desenvolvemento dos proxectos co alumnado.

Ambos son programas internacionais impulsados pola Asociación A Bao a Qu que tamén se desenvolven en Cataluña, Madrid, País Vasco, Alemaña, Arxentina e Chile. En Galicia, é o CGAI o que se ocupa da súa coordinación no marco do Plan Proxecta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Precisamente, Cinema en Curso obtivo hai unhas semanas o Premio Cidade de Ourense do Festival de Cine Internacional OUFF, que se vén sumar ao Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, entre outros recoñecementos. Este proxecto e CinEd, que pertence a unha rede europea con oito países participantes neste momento, contan xa cun contrastado prestixio no sector.

Na imaxe, un momento da rodaxe do filme de ficción Paso a paso, rodado a pasada temporada polo eequipo do CEIP A Rúa, de Cangas, co apoio do cineasta Ángel Santos.

-Cinema en Curso-Galicia