Augal aborda o proceso de realización dunha ducia de traballos audiovisuais da man dos seus equipos

  A Agadic e a Universidade de Vigo organizan a sétima edición da Master Class do Audiovisual Galego, que se desenvolve do 15 de novembro ao 18 de abril na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra

  O programa, que abre mañá o prazo de matrícula, comezará cunha sesión de curtas na que participarán os directores Álvaro Gago, Juan Hervella e Xisela Franco

Augal aborda o proceso de realización dunha ducia de traballos audiovisuais da man dos seus equipos
[09/11/2017]
Unha sesión especial de curtametraxes abrirá o vindeiro día 15 en Pontevedra a sétima edición de Augal, a Master Class do Audiovisual Galego, que se estenderá ata o mes de abril coa participación de 15 profesionais do sector para compartir cos participantes os diferentes planos de traballo nas producións de cinema e televisión.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e a Universidade de Vigo organizan esta acción formativa, que foi presentada hoxe na Casa das Campás polo vicerreitor para o Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e o profesor Paulino Pérez, do equipo coordinador de Augal.

Jacobo Sutil afirmou que o principal obxectivo de Augal é contribuír á proxección social da produción audiovisual galega, “compartíndoa con todos os espectadores e, entre estes, cos actuais alumnos e alumnas de Comunicación Audiovisual como destinatarios preferentes”. Así, explicou, polas seis anteriores edicións pasaron preto de 50 producións galegas en diferentes formatos e máis de 60 profesionais con distinto grao de responsabilidade na súa creación, que compartiron a súa experiencia cos máis 800 alumnos e alumnas inscritos.

Nove sesións
A Master Class do Audiovisual Galego combina a carteleira de cinema cunha serie de leccións maxistrais e coloquios arredor dos títulos proxectados. Esta temporada 2017-2018 oferta un programa de nove sesións, que terán lugar en mércores na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.

Baixo o título Curtas na rede, a primeira delas estará protagonizada polos realizadores Álvaro Gago, Juan Hervella e Xisela Franco con motivo da exhibición dos seus traballos Matria (recente premio á mellor curtametraxe española na Seminci de Valladolid), Share o no share e Aadat, respectivamente. A cita será o día 15, ás 16.00 horas.

Tamén en novembro, o día 22 será a quenda para o xénero documental da man da directora e guionista Paula Cons, quen falará do seu filme A batalla descoñecida. Esta fita sobre a loita pola extracción do wolframio en España no contexto da Segunda Guerra Mundial tamén pasou pola Seminci, onde tivo lugar a súa estrea.

As últimas sesións de 2017 xirarán arredor da miniserie Salgadura (13 de decembro), coprodución galego-catalá, que será presentada pola súa directora de arte, Marta Villar, e da longametraxe Dhogs (20 de decembro), ópera prima de Andrés Goteira, quen intervirá no coloquio xunto á súa directora de fotografía, Lucía C. Pan, e á produtora Laura Doval.

A programación retomarase o 7 de febreiro de 2018 con O apóstolo, premiado filme de animación realizado en stop-motion 3D, que será analizado por Fernando Cortizo, o seu director e guionista.

Xa en marzo, o día 14 terá lugar un novo pase de curtametraxes baixo o título Curtas desde a UVigo. Amosaranse nel tres traballos de novos directores, recoñecidos con diferentes galardóns do ámbito universitario: Luscofusco, de Johnny Wolfmor, co Xociviga 2016; Bostezó y el perro casi se traga mi drama, de Noemí Parga, co Xociviga 2017; e Astral, de Jorge Fernández, premio Universidade de Vigo.

A serie de TVG Fontealba será a protagonista da xornada do 21 de marzo, denominada Seriando a ficción e para a que se contará co seu director, Xerardo Rodríguez. Pola súa banda, o son no cinema centrará a penúltima das sesións, na que participará Emilio García, editor de son de Mimosas, o filme polo que Oliver Laxe obtivo o gran premio da Semana da Crítica de Cannes. Ademais, o traballo de Emilio García nesta película foi galardoado no Festival de Cine Europeo de Sevilla, onde Mimosas conseguiu tamén o premio especial do xurado.

Conferencia de clausura
Por último, a conferencia de clausura do 18 de abril correrá a cargo do prestixioso guionista Miguel Barros, quen traballou en filmes como Blackthorn, de Mateo Gil; Nadie quiere la noche, de Isabel Coixet; ou na serie Gigantes, de Enrique Urbizu, que será emitida proximamente por Movistar+.

Dirixido a estudantes, profesionais do sector e todas aquelas persoas interesadas no noso cinema, Augal manterá aberto o prazo de inscrición desde mañá e ata completar a capacidade. A matrícula é gratuíta e deberá formalizarse enviando ao correo audiovisual.agadic@xunta.gal o formulario que pode descargarse desde este web.

-Formulario de inscrición

-Programa en pdf