O CGAI recupera a obra dos cineastas de culto lusos António Cordeiro e Margarida Reis

  Son coñecidos polo seu retrato da rexión de Trás-os-Montes nunha serie de películas que, dende a ficción, mudaron a forma de ver o cine etnográfico

  O ciclo é posible grazas á colaboración co Festival de Cine Europeo de Sevilla, a través da cal tamén se poderá ver dende mañá unha selección dos mellores traballos do cine experimental británico dos anos sesenta e setenta

O CGAI recupera a obra dos cineastas de culto lusos António Cordeiro e Margarida Reis
[14/11/2017]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) programa dous importantes ciclos froito da súa colaboración co Festival de Cine Europeo de Sevilla, que suporá a proxección esta semana de películas do cinema experimental londiniense do século pasado así como da obra dos lusos António Cordeiro e Margarida Reis a partir do 28 de novembro.

O primeiro destes ciclos, que se desenvolverá mañá mércores e o xoves co título Shoot Shoot Shoot, está dedicado ao cine que se facía en Londres nos anos sesenta e setenta. Serán dúas sesións nas que se ofrecerá unha escolma do máis destacado de varios autores desta xeración de cineastas.

Pero tamén grazas á cooperación co certame hispalense, o CGAI amosa a obra dos autores portugueses de culto António Reis e Margarida Cordeiro, coñecidos polo filme Trás-os-Montes (1976), un retrato sobre esta rexión de Portugal, recentemente restaurado pola Cinemateca Portuguesa, que tamén colabora na realización do ciclo.

Para facer a película, os directores conviviron durante anos cos seus protagonistas, todos actores non profesionais, co obxectivo de transmitir a maior autenticidade. A fita funciona coma puro cine etnográfico, captando o folclore e tradicións da zona, así como as súas xentes. Pero tamén transcende esta condición ao querer realizar un retrato máis universal sobre os ciclos da vida, levando á ficción historias reais que escoitaron nesta longa convivencia.

Esta película supón unha das cimas do cine portugués. Adiantada á época, a súa influencia faise notar aínda hoxe en moitos traballos de non ficción. É o caso da obra de Pedro Costa, que foi discípulo de Reis, bebendo moito del na súa ópera prima O sangue (1989).

Os mellores mestres e discípulos
O ciclo, que se prolongará ata o 13 de decembro, superará a propia traxectoria de Reis e Cordeiro para ofrecer, ademais de practicamente a totalidade da súa obra, dous filmes máis que dialogan coa mesma. Un deles é o de Costa e, o outro, Acto de Primavera (1963), estimado por moitos estudosos como o filme inaugural da modernidade en Portugal e un dos máis destacados do recoñecido mestre Manoel de Oliveira. A súa presenza nesta compilación xustifícase pola localización en Trás-os-Montes, onde o cineasta filma a representación da Paixón de Cristo. Nesta viaxe acompáñao un mozo asistente de realización, de nome António Reis.

Polo tanto, o ciclo non só mostra o percorrido de António Reis e Margarida Cordeiro, senón que ofrece unha pequena visita aos seus referentes e ensina tamén a importancia da súa fonda pegada no cine actual.

[Na imaxe, fotograma de 'Tras-os-montes']

-Web do CGAI