A Agadic subvenciona con 200.000 euros a posta en marcha de 11 novos proxectos de cine e televisión

  Abano Producións, Caladiño Filmes, CTV, Ficción Producciones, Frida Films, Fon Cortizo, Ladybug Films, Portocabo, Pulsa Control Z e Vaca Films reciben apoio a través da convocatoria de axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais

  Impulsarase a preprodución de seis longas cinematográficas e de cinco series televisivas, entre as que se atopan os próximos traballos de Also Sisters, Fon Cortizo, Manuel Lemos, Miguel Conde, Oliver Laxe ou Rafa de los Arcos

A Agadic subvenciona con 200.000 euros a posta en marcha de 11 novos proxectos de cine e televisión
[15/11/2017]
A Agadic adxudicou 200.000 euros a 11 novas propostas de cine e televisión ao abeiro da última convocatoria de axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais.  Impulsaranse así a preprodución de catro longas cinematográficas de ficción e dúas documentais, así como de catro series en imaxe real e unha de animación.

Os títulos e empresas adxudicatarias este ano, que poden consultarse en www.agadic.gal/axudas, son After, de Frida Films; Garbo, o espía que enganou a Hitler, de Portocabo; Melita, de Abano Producións; O vello e o can, de Caladiño Filmes; Tres flores sen piedade, de CTV; Unha casa en Amargura, de Ficción Producciones; Ultramar eVeinte, de Vaca Films, na modalidade A para proxectos de ficción cinematográficos e televisivos; Cores, de Ladybug Films, na categoría B para animación; e Kevin vs. Ray, de Pulsa Control Z; e Letters Through the Wall, de Fon Cortizo, na C para documentais. 
 
Deste xeito, a Xunta acompañaráeconomicamente as produtoras na preprodución destes traballos cara á súa futura rodaxe por parte de realizadores como Oliver Laxe, Also Sisters, Rafa de los Arcos, Miguel Conde ou Fon Cortizo, entre outros. Para a súa materialización, estes títulos poderán optar tamén á convocatoria anual de subvencións para produción e coprodución audiovisual, que en 2017 distribuíu dous millóns de euros entre 12 títulos, así como a outros fondos estatais e europeos.
 
Futuras películas
After é unha das longas de ficción que contan con axuda da Agadic para iniciar o seu desenvolvemento. Trátase dun proxecto de coprodución internacional, encabezado pola galega Frida Films, a partir dun guión de Oliver Laxe, quen será tamén o seu director. O filme será rodado entre Galicia, Andalucía, Marrocos e Mauritania.
 
Abano ten prevista a produción de Melita, un dos cinco proxectos seleccionados no Coprodution Forum Uk/Iberoamérica do Festival Internacional de Cine de Guadalajara (México) e o Raindance Film Festival (Reino Unido). As directoras desta película serán Also Sisters, pseudónimo das irmáns galegas radicadas en Estados Unidos Sonia e Miriam Albert Sobrino. Pola súa banda, Caladiño Films presentou O vello e o can, que será a primeira longametraxe dirixida por Rafa de los Arcos, quen en 2014 obtivera unha subvención ao talento audiovisual galego para escribir este guión.
 
O cuarto proxecto de ficción para cinema é Ultramar, que contará a historia do impulsor da Expedición Balmis para levar a vacina da varíola a América. Con guión de Fernando Navarro e Rafael Cobos, esta longametraxe será producida por Vaca Films.
 
Series de televisión
Esta produtora coruñesa ten previsto, ademais, introducirse no mundo das series con proxectos como Veinte, proposta de aventuras postapocalípticas baseada nunha idea orixinal de Manuel Loureiro. No mesmo apartado de series de ficción, subvenciónase Garbo, o espía que enganou a Hitler, proxecto de Portocabo con guión de Parxi Azmezcua. Trátase dun biopic histórico arredor da figura de Joan Pujol, alias “Garbo”, axente dobre na Segunda Guerra Mundial cun papel decisivo no Desembarco de Normandía.
 
Este título foi presentado publicamente en xuño durante a celebración en Santiago da primeira edición do mercado de series Conecta Fiction, promovido pola Xunta. Neste mesmo encontro, resultou premiado cun acordo de desenvolvemento por parte de TVE o proxecto de Ficción Producciones Unha casa en Amargura, que agora conta tamén con axuda de Agadic. Trátase dunha coprodución entre Galicia, Francia e Cuba, a partir da obra da galega Elisa Vázquez de Gey. Tamén recibe subvención Tres flores sen piedade, de CTV e segundo proxecto de serie de Ghaleb Jaber tras Dalia, a modista. Desta volta, el encargarase do guión e Miguel Conde da dirección.
 
Documentais
En canto ás longas documentais, Kevin vs Ray afondará na relación con Galicia de Kevin Weatherill, o líder da banda británica Inmaculate Fools. Pulsa Control Z producirá este traballo dos directores e guionistas Eduardo Herrero e Manuel Lemos, mentres que Fon Cortizo será o guionista e director de Letters Through the Wall. O conflito entre Palestina e Israel centrará este filme, que terá localización en Gaza, Tel Aviv, Barcelona, Nova York e A Coruña e será gravado en galego, castelán, árabe, hebreo e inglés.
 
Por último, Cores é o proxecto seleccionado na modalidade de animación. Ladybug presentou esta serie en 3D como unha comedia de aventuras para público preescolar, con Ángel de la Cruz no guión e Alejandro Cervantes na dirección.

-Listaxe de proxectos subvencionados e contías concedidas