Cultura programa tres ciclos de cine arredor do medievo para lle achegar ao público o tempo de Martín Códax

  ‘VindeCine. O tempo de Martín Códax a través do audiovisual’ é o título da nova actividade organizada pola Consellería de Cultura e Educación co gallo da exposición do Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Galicia

  A iniciativa desenvolverase nas cidades da Coruña, de Santiago de Compostela e de Vigo coa colaboración do CGAI, de Numax e de Multicines Norte

  Os ciclos proxectarán un total de 21 filmes desde o vindeiro mes de decembro ata marzo de 2018

Cultura programa tres ciclos de cine arredor do medievo para lle achegar ao público o tempo de Martín Códax
[21/11/2017]
A Consellería de Cultura e Educación presentou hoxe unha programación de tres ciclos de cine cunha temática común: o medievo. Con VindeCine. O tempo de Martín Códax a través do audiovisual, continúan as actividades da exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que recibiu xa 11.847 visitas no Museo Mar de Galicia, en Vigo.

A cifra facilitouna o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación da actividade, na que lembrou tamén que “todas as iniciativas que se están a realizar desde a Consellería de Cultura e Educación para poñer en valor este tesouro da lírica galego-medieval están a espertar un grande interese entre a cidadanía”. Para Anxo Lorenzo a selección de títulos “realizada por reputados programadores” vaille permitir ao público gozar dunha serie de filmes de destacados directores dos séculos XX e XXI, algunhas delas de estrea en Galicia.

Promovida pola Secretaría Xeral de Cultura, a programación audiovisual conta coa colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) da Axencia Galega das Industrias Culturais, de Numax e de Multicines Nortes, que proxectarán nas cidades da Coruña, de Santiago de Compostela e de Vigo, respectivamente, un total de 21 filmes desde o vindeiro 4 de decembro ata o 15 de marzo de 2018.

O secretario xeral de Cultura estivo acompañado no acto de presentación por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), por Ramiro Ledo, da sala Numax, que acolleu a rolda de prensa; e por María Arias, de Multicines Norte de Vigo.

CGAI
Jacobo Sutil foi o encargado de presentar a programación do CGAI e afirmou que para a Filmoteca esta é “unha magnifica oportunidade para dirixir a mirada ao cine de temática medieval desde os máis diversos ángulos, ao tempo que participamos nun acontecemento cultural tan significativo como é a exhibición no Museo do Mar de Vigo desta xoia patrimonial, o Pergamiño Vindel”. Sutil aproveitou a ocasión para destacar  "a valía e a capacidade deste organismo público na posta a disposición do seu traballo neste evento transversal”.

O ciclo no CGAI comeza na Coruña o día 9 xaneiro coa proxección de Paseo por el amor y la muerte. O 12 de xaneiro pásase o documental El manuscrito Vindel, realizado polos herdeiros do libreiro no 2016. O 16 de xaneiro proxectaranse dous filmes, Lai e Maestà. O 23 de xaneiro será o momento de Los vikingos, mentres xaneiro remata coa proxección de Qué difícil es ser un dios!

O 6 febreiro o clásico francés Lancelot du Lac tomará as pantallas da filmoteca galega. O 20 de febreiro proxectarase El ladrón de Bagdad e o ciclo péchase o 27 de febreiro coa disparatada comedia Los caballeros de la mesa cuadrada y sus locos seguidores.

Numax
Os ciclos de VindeCine. O tempo de Martín Códax comezan en Santiago de Compostela, na sala Numax, o 4 de decembro cunha estrea en Galicia, Jeannette, que inciou recentemente un periplo de éxitos por diversos festivais. O 18 de decembro poderase ver Maestá!.

En xaneiro, o día 8 traerá outra estrea en Galicia, Little Crusader. O día 22 é o momento para La academia de las musas. Para febreiro quedan Que difícil é ser un deus!, o día 5 e Os contos de Canterbury, o día 18.

Multicines Norte

A cidade de Vigo conta tamén co seu ciclo de cine medieval, que dá comezo o 7 decembro con Anticristo. O día 14 chega Campanadas a Medianoche e o 11 de xaneiro Los cuentos de Canterbury. O 1 febreiro será o momento do clásico El Cid, mentres que o 22 febreiro chega ás pantallas Inés de Castro Multicines Norte pecha o ciclo o 15 de marzo con Reina Santa.

Na páxina web de Cultura, en https://www.cultura.gal/gl/programacion-actividades, pode consultarse toda a programación dos ciclos, así como do resto de actividades que a Xunta de Galicia está a desenvolver arredor da mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que se exhibe no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, ata o vindeiro 4 de marzo.

-Programa completo de VindeCine