A Xunta apoia o Clúster Audiovisual na consolidación do 'Pitching I+P' como plataforma de proxectos para cine e televisión

  A undécima edición desta iniciativa estase a desenvolver en Santiago coa asistencia de representantes de coñecidas canles televisivas, produtoras e distribuidoras

  A sesión da mañá desenvolveuse arredor da presentación sucesiva de 15 propostas, 10 delas galegas, mentres que pola tarde teñen lugar as reunións personalizadas pola organización

  En representación da Consellería de Cultura, interviñeron nesta xornada o secretario xeral de Cultura e o director da Agadic

A Xunta apoia o Clúster Audiovisual na consolidación do 'Pitching I+P' como plataforma de proxectos para cine e televisión
[23/11/2017]
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), colabora na undécima edición do pitching I+P Ideas para producir, que se está a desenvolver hoxe en Santiago de Compostela baixo a organización do Clúster Audiovisual Galego (Clag).

A iniciativa reúne no Auditorio de Galicia representantes de coñecidas canles televisivas, produtoras e distribuidoras, diante dos que se presentaron 15 proxectos de cinema e televisión, para os que esta xornada sirve de plataforma de lanzamento na procura de alianzas que favorezan a súa chegada ás pantallas.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na clausura da sesión de mañá, que estivo dedicada á exposición das propostas por parte dos seus creadores ou promotores. Na súa intervención, subliñou que este tipo de iniciativas demostran que “son o talento e as ideas as que crean novas oportunidades, marcando o feito diferencial”.

Dez propostas galegas
En referencia aos proxectos galegos presentados, 10 dos 15 seleccionados para esta edición, expresou a confianza da Consellería de Cultura en que “o apoio a iniciativas coma esta favorezan os nosos profesionais para que, a través de longametraxes de ficción, documentais, series e os novos formatos que van xurdindo con rapidez, lles transmitan o noso imaxinario colectivo aos axentes audiovisuais tanto galegos como de fóra de Galicia para chegar, a través deles, a un público cada vez máis amplo”.

Neste mesmo sentido expresouse o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen interveu na apertura da sesión xunto ao presidente do Clag, Jorge Algora. Nas súas palabras, a colaboración co Clúster Audiovisual é indispensable á hora de impulsar a competitividade e a internacionalización do cine e da televisión feitos en Galicia. Así se pon de manifesto tamén en iniciativas promovidas pola Xunta, como as misións comerciais aos principais mercados internacionais do sector, o nacemento este ano de Conecta FICTION (o primeiro encontro de coprodución de series televisivas entre Europa, América Latina e Estados Unidos) ou as accións formativas para profesionais, entre outras.

Sutil destacou igualmente a evolución dos formatos dos proxectos expostos durante as sucesivas edicións de I+P Ideas para Producir. Así, entre as 15 propostas deste ano atópanse longametraxes de ficción (El Santa Isabel, de Agallas Films; Josefina, de Javier Marco; Einstein-Rosen, de Miss Movies, e Animales domésticos, de Sinpuerto Producciones), documentais (Rapa, de Mondotropo, e A loita, de Agallas Films), docurealities (Youtuber en prácicas, de Chiripa), sitcoms (Press Office, de Chema Gagino), series de televisión (Tres flores sin piedad, de CTV; Calima, de Jugoplástika; Café de noche, de Eva Pérez, Vallecas Running Club, de DSerie Producciones, e La ruta, de Begoña Soler) e outros formatos televisivos (Millenials, de Producciones Vigo, e Historias mínimas, de Tamboura Films).

Todos eles foron presentados diante de representantes de coñecidas empresas como RTVE, Mediaset, Atresmedia, Movistar+, Televisión de Galicia, TV3, Canal Sur, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta, Plano a Plano, Boomerang TV, La Competencia ou Ánima Kitchent. A sesión de tarde, dedícase integramente ás reunións personalizadas para propiciar a materialización efectiva dos acordos.

Esta undécima edición da iniciativa, que conta tamén coa colaboración do Ministerio de Cultura e Deporte e do Concello de Santiago, presenta como novidade o acordo do Clúster con Filmarket Hub, segundo o que os 15 proxectos seleccionados gozarán dun ano de inscrición gratuíta no mercado en liña desta plataforma, a través do que poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtores e empresas de Europa e Latinoamérica.

-Clúster Audiovisual Galego