Cineuropa preestrea en Galicia o filme apoiado pola Xunta 'A estación violenta'

  A Agadic achegou máis de 270.000 euros á ópera prima de Anxos Fazáns, producida por Matriuska, a través das súas liñas de axudas á produción de longametraxes e ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais

  Jacobo Sutil asistiu hoxe á primeira proxección galega do filme, que foi presentado o pasado mes de setembro na sección Resistencias do Festival de Cine Europeo de Sevilla

Cineuropa preestrea en Galicia o filme apoiado pola Xunta 'A estación violenta'
[25/11/2017]
O Festival Cineuropa de Santiago acolleu esta tarde a preestrea galega de A estación violenta, de Matriuska Producciones e primeira longametraxe da directora pontevedresa Anxos Fazáns. Para a súa chegada ás pantallas, o filme contou, entre outras colaboracións, cunha achega de máis de 270.000 euros por parte da Xunta de Galicia.

Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, na presentación previa á proxección que tivo lugar no Teatro Principal. Neste sentido, incidiu en que esta contribución se materializaou en diferentes fases deste proxecto para levar ao cinema unha adaptación libre da novela homónima do xornalista e escritor Manuel Jabois. Así, a Agadic acompañou o equipo de A estación violenta desde as súas orixes, cando en 2013 foi un dos títulos adxudicatarios das axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais, destinadas a impulsar os traballos de preprodución. Este apoio reforzouse a partir de 2015, ano no que se lle concedeu unha subvención de 257.000 euros para todo o proceso de produción do filme.

Galicia como valor engadido
Na súa intervención, Sutil felicitou o produtor Daniel Froiz, a directora Anxos Fazáns e a todo o equipo da película que, nas súas palabras, ten moitos elementos que “multiplican e reverten o seu valor na nosa terra e nos nosos profesionais”: “Unha muller, novísima directora, á fronte; unha interpretación de gran nivel a cargo dun reparto galego, un guión baseado na primeira na primeira novela dun xornalista e escritor tamén galego...”, asegurou, ao tempo que subliñou que A estación violenta está rodada en galego (idioma no que tamén está a ser distribuída) e en Galicia, “en localizacións tan recoñecibles para nós como atractivas para todos os espectadores, que verán a través dela a Illa de San Simón, a cidade de Pontevedra ou as praias das Rías Baixas”.
 
A fita, na que tamén colaboraron o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a TVG e a Deputación de Pontevedra, está interpretada por Alberto Rolán, Nerea Barros, Xosé Barato, Laura LaMontagne, Xiana Arias e Antonio Durán “Morris”.
 
Con guión da propia directora xunto con Ángel Santos, Xacobe Casas e Daniel Froiz, esta historia parte dun inesperado reencontro entre amigos de xuventude para falar da nostalxia dun pasado perdido, a frustración pola rutina e a incapacidade do seu protagonista para afrontar as súas emocións. Todo isto acompañado dunha banda sonora composta por Charles Rapante, na que tamén soan numerosas temas de bandas alternativas.
 
O filme, co que Anxos Fazáns dá o salto á dirección de longametraxes, foi presentado o pasado mes de setembro no Festival de Cine Europeo de Sevilla, que o seleccionou dentro da súa sección Resistencias.

-A estación violenta en Cineuropa