A Agadic convoca o proceso de selección de sete actrices e actores para o espectáculo 'Divinas palabras' do CDG

  Con esta nova produción, que se estreará en primavera, o Centro Dramático aposta por seguir incorporando os textos de Valle-Inclán ao repertorio teatral en galego tras a posta en escena este ano de ‘Martes de Carnaval’

  A través desta convocatoria, para a que se abre o prazo de solicitude ata o 13 de decembro, configurarase parte do elenco da montaxe

 A Agadic convoca o proceso de selección de sete actrices e actores para o espectáculo 'Divinas palabras' do CDG
[27/11/2017]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acaba de abrir o proceso de selección de parte do elenco de Divinas palabras, de Valle-Inclán, que o Centro Dramático Galego (CDG) estreará en primavera de 2018. Con esta nova produción, a compañía institucional continuará afondando na obra do gran autor arousán.

O novo proxecto do CDG volverá rastrexar a vixencia das palabras de Valle, sempre na procura dun imaxinario contemporáneo. Ademais, coa posta en escena de Divinas palabras en galego saldarase unha débeda coa primeira directiva da compañía teatral da Xunta de Galicia que, no momento da súa fundación hai 33 anos, non puido levar a cabo este proxecto ao non estaren liberados os dereitos para a tradución.
 
Bases
Segundo o anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), os intérpretes interesados en optar ás sete prazas de actrices e actores,  convocadas con categoría de principais, teñen desde mañá e ata o mércores 13 de decembro para presentar as súas solicitudes de acordo coas bases que poden consultarse no apartado de avisos do web www.agadic.gal.
 
Para seren admitidos, os aspirantes deben cumprir unha serie de requisitos, entre os que se atopa o do coñecemento e dominio do idioma galego, ben acreditándoo mediante certificación oficial, ben solicitando unha avaliación lingüística específica.
 
O proceso de selección constará de dúas fases. A primeira delas será eliminatoria e consistirá nun baremo dos méritos profesionais dos aspirantes. Para esta valoración, na que se poderán obter ata 20 puntos, teranse en conta as capacidades interpretativas para espectáculos teatrais (titulación, cursos de formación, interpretación en espectáculos profesionais e afeccionados de artes escénicas, premios...), así como a achega de materiais audiovisuais a través dun videobook.
 
Audicións
As persoas que acaden a puntuación mínima fixada polo tribunal accederán a unha segunda fase de audicións, con ata 30 puntos en xogo. Neste caso, as probas dividiranse en dúas partes: unha primeira de audición oral/avaliación lingüística e unha segunda de interpretación.
 
Os textos e indicacións para esta valoración serán publicadas no web da Agadic con tempo suficiente para a súa preparación por parte dos actores e actrices que accedan á segunda fase, na que o traballo interpretativo se realizará a partir dos personaxes de Pedro Gailo, Marica del Reino, Simoniña, A Tatula, Miguelín, Laureano e Pedáneo.
 
A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións acadadas polos aspirantes nestas dúas fases. Cos intérpretes non seleccionados comporase unha listaxe diferenciada por personaxes para eventuais substitucións.
 
As diferentes etapas deste proceso faranse públicas no web da Agadic e no taboleiro das súas dependencias.

-Bases da convocatoria
-Anexo I (pdf editable)

-Anuncio no DOG núm 225, do 27 de novembro de 2017