A Xunta amósase en Culturgal como promotora cultural coa organización dunha vintena de actividades

  Obradoiros, presentacións, relatorios e proxeccións cinematográficas conforman a proposta da Consellería de Cultura e Educación no marco da décima edición da feira das industrias culturais, que terá lugar en Pontevedra do 1 ao 3 de decembro

  O Pergamiño Vindel terá gran protagonismo nesta achega, que se estende tamén ao expositor institucional no recinto feiral

A Xunta amósase en Culturgal como promotora cultural coa organización dunha vintena de actividades
[28/11/2017]
A Xunta de Galicia colabora coa décima edición de Culturgal, que terá lugar en Pontevedra do venres 1 ao domingo 3 de decembro, tanto en calidade de principal entidade patrocinadora do evento, como a través dunha vintena de actividades organizadas pola Consellería de Cultura e Educación dentro do programa xeral desta feira das industrias culturais.

Obradoiros, presentacións, relatorios e proxeccións cinematográficas conforman a achega institucional, que se estenderá tamén ao amplo stand da Xunta no recinto feiral do Pazo da Cultura pontevedrés e ao expositor do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) no novo Espazo Arte Contemporánea de Culturgal. Ademais do CGAC, as secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Fundación Cidade da Cultura contribuirán a unha programación que reflectirá o importante papel do Goberno autonómico como promotor da cultura galega.
 
A estadía en Galicia do Pergamiño Vindel, único testemuño conservado das cantigas de amigo galego-portuguesas coa súa notación musical, terá un destacado protagonismo tanto na proposta de actividades, como no stand xeral da Consellería, onde –entre outros programas– se informará da exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que pode visitarse ata o 4 de marzo no Museo do Mar de Vigo.
 
Dela darase conta igualmente no relatorio que terá lugar no Espazo Foro de Culturgal o sábado, ás 18,00 h, para afondar na singularidade do manuscrito coas cantigas de Martín Códax nas súas dimensións literaria e musical da man dos profesores Pilar Lorenzo e Carlos Villanueva.
 
Obradoiros infantís
Arredor desta xoia da literatura medieval galego-portuguesa xirará, ademais, o taller Scriptorium. O mestre dos códices, que se desenvolverá o domingo, ás 17,00 h., no Espazo Arte Contemporánea. Mekané Didáctica impartirá este obradoiro a través do que as nenas e nenos descubrirán as técnicas e materiais empregados na Idade Media para a copia de manuscritos.
 
A Xunta organizará outros dous talleres para rapazas e rapaces de 6 a 11 anos, coa arquitectura como fío condutor. O educador Santiago Chenlo aplicará a didáctica do sistema Lupo de pezas modulares, a partir das que os participantes construirán unha maqueta de gran tamaño da fachada do edificio do CGAC, deseñado por Álvaro Siza. As citas serán o sábado, de 12,30 a 14,00 h., e o domingo, de 11,30 a 13,00 h., previa inscrición no punto de información da feira.
 
O público infantil e escolar será tamén o obxecto dunha sesión arredor dos programas pedagóxicos do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), na que o alumnado dos CEIP A Rúa, de Cangas, e Tenorio, de Cotobade, exhibirán as curtametraxes realizadas no marco de Cine en Curso (no Espazo Libro o venres, ás 12,30 h.). Culturgal acollerá, así mesmo, a presentación do espectáculo teatral de dinamización da lingua galega A galiña azul, de Ubú Teatro, como parte do circuíto FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Espazo Infantil, venres ás 18,00 h.), e mais dos programas da Cidade da Cultura Nadal no Gaiás e Pequefilmes, coa proxección das curtas Einstein-Rosen e Cordas, o domingo, ás 12,45 h., de novo no Espazo Infantil.
 
Cinemas de Galicia
Ademais das devanditas curtametraxes, Culturgal será o escenario para tres pases doutras tantas películas do circuíto da Agadic Cinemas de Galicia, que poderán verse no Salón de Actos: Sicixia (sábado, ás 17,00 h.), Mimosas (sábado, ás 19,00 h) e María (e os demais) (domingo, ás 18,00 h).
 

En canto ao resto das actividades organizadas directamente por Cultura e Educación, haberá lugar para outra ampla variedade de presentacións como as do Centro de Emprendemento Creativo Gaiás (venres, 18,00 h., no Espazo Libro) e do festival Escenas do Cambio 2018 (venres, 19,00 h., no Espazo Arte Contemporánea). Tamén as dos proxectos Memoria Dixital de Galicia (sábado, 12,15 h., Espazo Foro) e Uxía-O (sábado, 13,00 h., no Espazo Libro, de publicacións como o último Caderno Ramón Piñeiro dedicado a Carlos Casares (sábado, 11,30 h., no Espazo Libro), do videoclip Nun mar azul para concienciar sobre o autsmo (domingo, 17,30 h., no stand) e dun estudo metodolóxico sobre a repercusión económica e social dos eventos culturais, realizado por Fran Núñez e que será publicado proximamente pola Agadic (venres, 18,30 h., no Espazo Libro).

Ademais, e tendo en conta que este ano Portugal é o país convidado de Culturgal, a Consellería presentará dúas accións arredor da literatura e da música en colaboración con diferentes institucións lusas: as Conversas Nortear (sábado, 16,30 h., Espazo Libro) e a 4ª Semana de Convergências Portugal-Galiza (domingo, 16,30 h., no Espazo Foro).

-Culturgal
-Programa da Xunta de Galicia en Culturgal