A Xunta apoia a promoción internacional de dez filmes galegos en festivais de prestixio

  A Agadic publica hoxe no seu web a segunda e última quenda de adxudicacións ao abeiro das axudas específicas para a difusión do noso cinema en certames celebrados fóra de Galicia

  Contribuíuse a lle dar visibilidade ao audiovisual galego en Bilbao, Bos Aires, Karlovy Vary, Locarno, Mar del Plata, Rotterdam, San Sebastián, Sevilla, Sitges e Xixón

  Con esta concesión, complétase a resolución do programa anual de subvencións ao audiovisual galego dotado con 2,49 millóns de euros

A Xunta apoia a promoción internacional de dez filmes galegos en festivais de prestixio
[07/12/2017]
Dez produtoras galegas son as adxudicatarias este ano das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para a promoción e difusión do cinema galego en festivais de prestixio celebrados fóra de Galicia.

Mediante estas axudas, dotadas con 30.000 euros, a Xunta contribuíu a lle dar unha maior visibilidade os filmes destas empresas en dez sobresaíntes certames do circuíto internacional como son os de Bilbao, Bos Aires, Karlovy Vary, Locarno, Mar del Plata, Rotterdam, San Sebastián, Sevilla, Sitges e Xixón.

A Agadic publica hoxe no seu web a segunda e última adxudicación ao abeiro desta convocatoria, coa que completa, ademais, a concesión do seu programa anual de subvencións ao audiovisual galego, dotado con 2,49 millóns de euros para distribuír entre cinco liñas de apoio: produción e coprodución audiovisual, promoción do talento, desenvolvemento de proxectos, organización de festivais e a devandita de promoción en certames internacionais.
 
A través destas últimas axudas, a Xunta colaborou este ano con Zeitun Films nas accións de difusión de Mimosas, o premiado filme de Oliver Laxe, nos festivais IFF de Rotterdam (Holanda) e BAFICI de Bos Aires (Arxentina), e da curtametraxe Tsweesh, de Feyrouz Serhal, no de Locarno (Suíza).
 
Óperas primas
Nos tres devanditos certames presentáronse, ademais, outros tantos títulos galegos, apoiados mediante esta convocatoria. É o caso das curtas Fajr, de Lois Patiño, en Rotterdam; Plus Ultra, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, en Locarno, e a ópera prima de Andrés Goteira, Dhogs, na súa estrea en Bos Aires.
 
Como esta última, que tamén contou con apoio para a súa estrea estatal no festival de cine fantástico de Sitges (na imaxe), foron subvencionadas outras tres películas que supoñen o debut dos seus directores na realización de longametraxes: A estación violenta, de Anxos Fazáns, e o documental Os fillos da vide, de Ana Domínguez, ambas estreadas no Festival de Cine Europeo de Sevilla, e Nocturno, fantasmas de mar en puerto, de Álvaro F. Pulpeiro, no FIC de Xixón.
 
Por último e xunto con Plus Ultra, que volve figurar nesta listaxe con motivo das súas seleccións nos certames de San Sebastián e Mar del Plata (Arxentina), outra curta do tándem Girón-Delgado, Montañas ardientes que vomitan fuego, dispuxo de axuda para a súa participación no Karlovy Vary Internacional Film Festival, da República Checa, mentres que El paisaje está vacío, de Carla Andrade, viaxou ata o Zinebi de Bilbao para documentais.
 
As produtoras recibiron contías que oscilan entre os 1500 e os 2500 euros que destinaron, entre outros gastos, a campañas de publicidade da participación nas devanditas mostras internacionais, elaboración e transporte do material de promoción específico, contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para o evento, desprazamento e estadía no festival dun máximo de 5 persoas do equipo, e tiraxe e/ou subtitulado das copias.

-Máis información