A Consellería de Cultura aposta polo audiovisual galego coa proxección do ciclo 'Vai de cine'

  A Cidade da Cultura acollerá os días 15, 16 e 17 de decembro o visionado dos premiados filmes ‘El desconocido’ ‘María y los demás’ e ‘Mimosas’

  O ciclo, en colaboración coa Agadic, pretende difundir as creacións audiovisuais de produción galega máis recentes e de maior éxito

 A Consellería de Cultura aposta polo audiovisual galego coa proxección do ciclo 'Vai de cine'
[10/12/2017]
A Cidade da Cultura de Galicia celebrará, en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o ciclo Vai de cine, nunha clara aposta da Consellería de Culturae  Educación pola produción audiovisual galega máis recente e tamén máis premiada coa proxección os días 15, 16 e 17 de El desconocido, María y los demás e Mimosas.

Trátase da proxección dun filme por día cos que se reflicten temáticas moi diferentes, que amosan, deste xeito, a variedade de xéneros nos que traballa o audiovisual galego. No entanto, teñen todas en común que son longametraxes, apoiadas na produción pola Xunta a través dunha subvención da Agadic, e que contan no seu palmarés con prestixiosos galardóns tantos nos premios Mestre Mateo e Goya -como son os casos de El desconocido e María y los demás- e tamén en certames internacionais como sucede con Mimosas, Gran Premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes e cuxo director, o galego Oliver Laxe, está entre os galardoados este ano cos Premios da Cultura Galega.

A primeira fita en proxectarse o venres 15 na Cidade da Cultura será El desconocido, ópera prima do galego Dani de la Torre, que ten como protagonista tamén ao galego Luís Tosar. Esta fita, de xénero acción e rodada nos exteriores da cidade da Coruña, obtivo 12 galardóns dos Premios do Audiovisual Galego Mestre Mateo e oito nominacións e dúas estatuíñas nos Goya.

O sábado será a quenda de María y los demás. Trátase da primeira longametraxe da catalá Nely Reguera e rodada integramente en Galicia en 2015, entre A Coruña, Culleredo e Carballo. A película foi a máis premiada na gala da XI edición dos Premios Mestre Mateo, ao levarse 13 premios aos que optaba, entre eles ao mellor guión, en cuxo equipo estaba o escritor galego Diego Ameixeiras.

Pechará o ciclo Vai de cine o filme ‘Mimosas’, o wéstern místico do coruñés Oliver Laxe, con multitude de recoñecementos nos circuítos internacionais de cinema independente, xa que foi premiada nos festivais de Sevilla, Cannes e O Cairo. Precisamente, o seu director recibirá na Cidade da Cultura de Galicia, o vindeiro martes, día 12, o Premio da Cultura Galega 2017 na categoría Audiovisual.

Entradas
Todas as fitas contaron cunha subvención da Xunta de Galicia, a través da Agadic, para a súa produción e proxectaranse ás 20 horas no Edificio CINC do Gaiás e a entrada é de 1 euro.

As entradas estarán á venda a partir do luns día 11 de decembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, nos puntos físicos de Ataquilla e en www.ataquilla.come no teléfono 902 504 500, cos gastos de xestión correspondentes.