Inversa Teatro representa 'Fémina Sapiens' e 'Té con Kant' dentro do programa En Residencia do CDG

  O primeiro destes títulos poderá verse no Salón Teatro de Santiago o xoves 14 e o venres 15, mentres que o segundo subirá a escena o sábado 16 e o domingo 17

  Ambas as montaxes afondan na liña de traballo desta compañía arredor da filosofía e do feminismo, que aborda desde a traxicomedia

Inversa Teatro representa 'Fémina Sapiens' e 'Té con Kant' dentro do programa En Residencia do CDG
[12/12/2017]
O programa En Residencia do Centro Dramático Galego acolle esta semana a compañía galega Inversa Teatro para poñer en escena os seus dous últimos espectáculos no Salón Teatro de Santiago de Compostela: Fémina sapiens (xoves 14 e venres 15, ás 20,30 h.)e Té con Kant (sábado 16, ás 20,30 h., e domingo 17, ás 18,00 h.).

Ambas as propostas afondan na liña de traballo emprendida por esta compañía de teatro contemporáneo desde a súa creación en 2009 para propoñer unha reflexión arredor da filosofía e do feminismo desde unha perspectiva traxicómica. Durante a súa estadía no Salón Teatro ofrecerá, ademais, un pase matinal para centros educativos de cada un dos títulos: o xoves 14, ás 11,00 h., de Té con Kant e o venres 15, á mesma hora, de Fémina Sapiens.
 
Solo teatral
Fémina Sapiens formula a pregunta de se é posible a evolución desde o aspecto Sapiens ou se, pola contra, somos máis proclives á involución. Marta Pérez é a autora e intérprete deste solo teatral, dirixido por Carlos Álvarez-Ossorio, no que dá vida a Fémina Sapiens. O cómico e o tráxico mestúranse, ao tempo que a protagonista tenta buscar o elo perdido entre a racionalidade e moralidade, pasando polos estadios íntimos de violencia existentes en tres relacións fundamentais: a amizade, a familia e o amor.
 
Té con Kant tamén conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica, xogando co humor e a ironía para obter unha peza próxima ao formato de teatro didáctico-conferencia. Marta Pérez asina o texto, a creación e a dirección da montaxe con María Caparrini, ademais da interpretación xunto a María Roja.
 
Nesta produción, Johanna Gottfried e Theodora Krauss son dúas mulleres ilustradas chegadas á nosa época nunha viaxe no tempo desde a Prusia do século XVIII. Unha vez aquí tentarán exercer como axitadoras filosóficas coa pretensión de remover e promover a reflexión e a acción do público a partir das ideas do seu amigo o filósofo Inmanuel Kant.

Venda de entradas
As entradas para cada unha destas propostas poden adquirirse de xeito anticipado a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443. A billeteira para a compra física estará aberta todos os días de función, desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.
 
Ademais destas dúas pezas, Inversa mantén en cartel outras tres producións teatrais: Expostas, Kamouraska, Paper Dolls. Con elas, tense presentado en diferentes espazos e festivais de España, Portugal e Latinomérica. Ao continente americano viaxou por primeira vez en 2012 e, desde entón, ten realizado numerosas representacións en países como Colombia, México, Brasil, Venezuela e EE.UU.
 
Coa súa estadía na sede do Centro Dramático Galego, súmase ás outras catro compañías galegas (A Panadaría, Feira do Leste, Javier Martín e Anómico Teatro) que xa participaron esta temporada tanto nos programas En Residencia como Dramaturxente, iniciativa que acolle no Salón Teatro a representación de pezas froito das novas dramaturxias galegas.

-Inversa Teatro
-Centro Dramático Galego