O CGAI rende homenaxe ao cine negro de Jean-Pierre Melville no centenario do seu nacemento

  O ciclo inaugúrase mañá coa presenza na Coruña da filla e do sobriño do director francés, responsables da fundación que salvagarda o seu patrimonio

  Importante figura do cinema galo, traballou coas grandes estrelas do seu tempo, como Alain Delon ou Catherine Deneuve, e ten unha influencia notable en filmes de realizadores actuais como Scorsese ou Tarantino

O CGAI rende homenaxe ao cine negro de Jean-Pierre Melville no centenario do seu nacemento
[13/12/2017]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) pecha o ano homenaxeando o cineasta francés Jean-Pierre Melville no centenario do seu nacemento cun ciclo de sete títulos. Esta escolma exhíbese na sede da filmoteca da Coruña en colaboración coa Jean-Pierre Melville Foundation e o Institut Français.

O programa arrancará mañá xoves cunha sesión especial, de entrada libre, para a que se contará coa filla e co sobriño do director, Tania e Laurent Grousset, responsables da fundación que salvagarda o seu patrimonio.
 
A través deste programa, o CGAI achegaralles aos espectadores galegos a obra dun dos realizadores máis relevantes na historia do cine galo, particularmente coñecido polas súas películas noir, nas que destacou tanto que a súa influencia faise sentir aínda hoxe en cineastas como Martin Scorsese ou Quentin Tarantino.
 
A sesión dobre de mañá dará comezo ás 18,00 h. coa proxección da primeira curta de Melville, 24h. de la vie d'un clown, e do documental Sous le nom de Melville, que inclúe entrevistas a realizadores que beben do seu estilo, como Johnnie To ou Masahiro Kobayashi. A fita narra o percorrido do cineasta durante a Segunda Guerra Mundial e o impacto que esta experiencia persoal do conflito e da resistencia tivo no conxunto da súa obra e, indirectamente, nos seus herdeiros.
 
Serán precisamente eles os que introduzan a figura de Melville ao público na segunda das sesións, prevista para ás 20,30 h. Nela exhibirase a longametraxe El ejército de las sombras, unha das máis celebradas do cineasta, sobre un grupo da resistencia francesa nos tempos da ocupación nazi, acurralados pola Gestapo e a policía de Vichy.
 
O venres 15 será a quenda deBob el jugador, onde Melville asentou o seu particular estilo visual e narrativo, en boa parte apoiado polo director de fotografía Henri Decaë, e se estableceu como unha gran influencia para os cineastas da Nouvelle Vague.
 
Colaboración con grandes estrelas
Posteriormente, o realizador acomodaríase na industria e traballaría con grandes estrelas como Alain Delon ou Catherine Deneuve. EnLéon Morin, sacerdote (martes 19) confía, por exemplo, o papel protagonista a Jean-Paul Belmondo. El é o cura que confesa o personaxe de Emmanuelle Riva, unha viúva que vive tamén duras condicións na campiña francesa durante a ocupación nazi.
 
EnEl confidente (mércores 20), o mesmo actor dálle vida a un delincuente sospeitoso de pasarlle información á policía. Cando un roubo sae mal, o seu compañeiro no golpe decide axustar contas con el. Coa que é para moitos a súa primeira obra mestra, Melville introdúcese de cheo nun xénero, o negro, que xa nunca abandonará.
 
Pechan o ciclo as súas obras de madurez: El ejército de las sombras (xoves 21) eCírculo rojo (venres 22). Nesta última, considerada unha referencia no subxénero de atracos, volve contar con grandes caras do cine europeo, como Alain Delon ou Gian Maria Volonté (La muerte tenía un precio).
 
-CGAI