A Agadic destina 140.000 euros ás subvencións a festivais do sector audiovisual para 2018

  Reforza a liña ascendente no orzamento destinado a esta convocatoria anual, que experimenta un aumento do 21,7% respecto a 2017

  O DOG publica hoxe as bases destas axudas, a través das que se apoia o labor de difusión da produción cinematográfica e/ou televisiva galega que levan a cabo estes encontros

A Agadic destina 140.000 euros ás subvencións a festivais do sector audiovisual para 2018
[18/12/2017]
A Agadic publica hoxe no DOG as bases das subvencións de 2018 para festivais audiovisuais, ás que destina 140.000 euros. Esta contía supón un aumento do 21,7% na súa dotación respecto a 2017, reforzando así a liña ascendente dos últimos anos nas contías reservadas para estas axudas, con incrementos do 9,5% en 2017 e do 16% en 2016.

Entre os requisitos para optar ás subvencións están que estes festivais galegos teñan lugar entre o 1 de novembro de 2017 e o 31 de outubro de 2018, posúan unha duración mínima de catro xornadas con polo menos 20 proxeccións e teñan realizado tres edicións consecutivas anteriores á publicación da convocatoria. Ademais, cómpre que a programación proposta conteña un cinco por cento de títulos ou cinco sesións de filmes producidos en Galicia ou dirixidos por profesionais galegos.
 
A Agadic convoca por quinto ano consecutivo este programa específico de subvencións co que regula, a través dunha convocatoria pública e en réxime de concorrencia competitiva, o seu apoio económico a certames, semanas e mostras audiovisuais. O obxectivo é optimizar e sistematizar a adxudicación dos recursos públicos a este tipo de eventos, de xeito que o orzamento dispoñible para este fin se distribúe de acordo cunha serie de criterios obxectivos. Unha comisión integrada por expertos independentes será a encargada de analizar as propostas presentadas, así como de valorar a súa traxectoria, programación, viabilidade e interese.
 
O prazo de solicitude abrirase mañá e manterase operativo ata o 18 de xaneiro de 2017. Como se especifica nas bases que poden consultarse no seguinte enlace do DOG de hoxe: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171218/AnuncioG1097-041217-0001_gl.html, as instancias deberán presentarse preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no web https://sede.xunta.gal, vía que é obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes das anteriores.

-Acceso á tramitación en liña