A xornada 'A música no século XXI' preséntase como espazo para a reflexión sobre os retos do sector

  A Xunta apoia a Asociación de Amigos da Banda de Música de Santiago na organización deste encontro, que terá lugar o 12 de maio na Cidade da Cultura dentro dos actos conmemorativos do 170º aniversario da formación compostelá

  Contarase coa participación de figuras como Antón García Abril, José Rafael Pascual Vilaplana e Joan Matabosch

A xornada 'A música no século XXI' preséntase como espazo para a reflexión sobre os retos do sector
[19/12/2017]
A Xunta apoia a Asociación de Amigos da Banda de Música de Santiago na organización da xornada profesional A música no século XXI, que terá lugar o 12 de maio de 2018 na Cidade da Cultura de Galicia. Este encontro multidisciplinar insírese no programa co que a devandita asociación conmemora o 170º aniversario da formación compostelá.


A xornada foi presentada esta tarde coas intervencións de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Javier Loira, presidente da Asociación de Amigos da Banda de Música de Santiago de Compostela; e Ramón Castro, en representación dos músicos desta formación. Durante o acto, soaron ademais as pezas Fanfare, de Paul Dukas, Danzas renacentistas, de Tylmann Susato, e Classical Medley, de Jeon Hun, interpretadas por un quinteto de metal de músicos da banda.
 
O director da Agadic enmarcou o apoio da Xunta de Galicia a esta iniciativa no traballo que se vén desenvolvendo desde a Consellería de Cultura e Educación a prol deste tipo de agrupacións, no que se insire así mesmo a colaboración continuada coa Federación Galega de Bandas de Música Populares.
 
Subliñou igualmente a relevancia dunha efeméride como a que celebra a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e que a asociación tamén ten previsto conmemorar con outras actividades especiais.
 
Declaración multidisciplinar
En canto ao programa da xornada A música no século XXI, Jacobo Sutil explicou que o seu principal obxectivo é “redactar e aprobar unha declaración multidisciplinar que afonde nos aspectos legais, docentes, artísticos e, sobre todo, de sustentabilidade actual e futura das bandas de música”.
 
Contarase para tal fin con figuras tan destacadas como o compositor Antón García Abril, o director de orquestra e tamén compositor José Rafael Pascual Vilaplana ou o director artístico do Teatro Real de Madrid, Joan Matabosch.
 
Participarán, ademais, representantes políticos e institucionais, así como recoñecidos profesionais doutros sectores, para abordar desde múltiples perspectivas as principais cuestións que lle afectan ao sector: o marco lexislativo, a educación, a sustentibilidade social e económica, o papel das administracións ou a saúde laboral, entre outras.