A Agadic convoca novas edicións dos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

  O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases dos tres certames e abre desde mañá e ata o 10 de maio de 2018 o prazo de recepción de orixinais

  Os galardóns, que suman unha dotación económica total de 24.000 euros, buscan estimular e recoñecer a creación literaria no eido teatral

A Agadic convoca novas edicións dos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde
[28/12/2017]
A Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca as novas edicións dos premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, Manuel María de literatura dramática infantil e Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades de público infantil e adulto.

As bases destes galardóns, de periodicidade bienal e cunha dotación económica total de 24.000 euros (6.000 para cada un deles), publícanse hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). O prazo de recepción de orixinais ábrese a partir de mañá día 29 e prolongarase ata o 10 de maio de 2018.
 
Os tres premios comparten como obxectivo servir de estímulo á creación literaria no eido dramático, así como procurar o seu maior recoñecemento e proxección social. Neste sentido, ademais da dotación económica, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Agadic mantén en colaboración con varias editoriais galegas.
 
Para textos inéditos e non representados
Poden optar a estes galardóns aquelas persoas físicas que presenten textos teatrais inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados noutros certames. Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que deberán ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral, de xeito que non serán admitidas as obras de teatro breve. No caso do Álvaro Cunqueiro e do Manuel María, quedarán igualmente excluídos os textos para teatro de monicreques.
 
Para a avaliación de todos os textos recibidos na forma e prazo que indican as bases, constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico. Para emitir o seu ditame, que deberá ter lugar antes do 15 de novembro de 2018, o xurado valorará aspectos relacionados coas calidades literaria e dramática, a viabilidade escénica, a adecuación a cada premio e o coidado da lingua.
 
O Álvaro Cunqueiro acadará deste xeito a súa vixésimo cuarta edición, manténdose como o galardón literario máis lonxevo de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego, mentres que o Manuel María de literatura dramática infantil celebrará a súa décima entrega e o Barriga Verde de textos para teatro de monicreques chegará á décimo terceira convocatoria.
 
Os textos presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do portal https://sede.xunta.gal. A presentación electrónica é obrigatoria para as persoas xurídicas e as súas representantes. Para o caso das persoas físicas, estas tamén poderán achegar as obras de xeito presencial en calquera dos rexistros establecidos na normativa reguladora, como así se establece nas bases.
 
Na anterior edición, os autores e títulos que se fixeron con estes recoñecementos foron Manuel Lourenzo coa obra Suite Artabria, XXIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais; Carlos Labraña coa peza O valo, IX Premio Manuel María de literatura dramática infantil;  Inácio Vilariño con O golfiño e o xigante,XII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na categoría para rapaces; e Roi Vidal con Marcha fúnebre para un monicreque , XII Premio Barriga Verde para teatro de monicreques na categoría de teatro para adultos. As catro obras están publicadas en distintas coleccións  de Edicións Xerais e de Baía Editorial e á venda nos principias establecementos galegos así como na Libraría Institucional da Xunta de Galicia.

-Máis información
-Bases publicadas no DOG