A Agadic destina dous millóns de euros ás subvencións á produción e coprodución audiovisual para 2018

  Mantense a dotación económica desta convocatoria, que se adianta temporalmente respecto a 2017 ao abrir o prazo de solicitudes ata o 29 de xaneiro

  A esta liña de apoio público, a de maior contía dirixida ao sector do cinema e a televisión en Galicia, poden optar longametraxes de ficción en imaxe real, de animación, documentais e curtametraxes, así como películas e series televisivas

A Agadic destina dous millóns de euros ás subvencións á produción e coprodución audiovisual para 2018
[29/12/2017]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén a dotación de dous millóns de euros na súa convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego para 2018. As bases publícanse hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O prazo de presentación manterase aberto desde mañá e ata o vindeiro 29 de xaneiro, co que se adianta temporalmente  todo o procedemento en case dous meses respecto ao de 2017 para adecuarse o máximo aos planos de traballo anuais das produtoras. 
 
Esta é a liña de maior contía de todas as axudas públicas dirixidas ao sector do cinema e a televisión en Galicia, que tamén conta con convocatorias anuais da Agadic para festivais e para impulsar o talento audiovisual (tamén xa convocadas), así como para o desenvolvemento de proxectos e para a promoción e difusión en certames de prestixio internacional celebrados fóra de Galicia (que serán publicadas proximamente).
 
As subvencións difundidas hoxe hoxe diríxese ás produtoras audiovisuais independentes que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia. No caso de seren persoas xurídicas, teñen a obrigatoriedade de presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal).
 
O obxectivo destas axudas é impulsar o audiovisual galego como sector estratéxico na nosa Comunidade, buscando contribuír ao desenvolvemento do seu tecido industrial, así como favorecer a súa vocación internacional a través da colaboración con outras produtoras e empresas de fóra de Galicia. Na anterior convocatoria de 2017, obtiveron financiación por esta canle un total de 12 títulos, entre os que se atopan filmes como A sombra da lei, Quen a ferro mata, Eles transportan a morte, O Santa Isabel ou Unicorn Wars.     
 
Modalidades
As bases deste ano volven establecer cinco modalidades de axuda, con cadansúa subdivisión para os diferentes tipos de produtos audiovisuais que son obxecto de apoio: longametraxes de ficción en imaxe real (modalidade A), de animación (B), documentais (C), curtas de ficción, animación ou documentais (D) e longas e series para televisión (E).
 
Na primeira destas modalidades, distínguese entre as longametraxes de autoría galega (aquelas nas que dous dos seguintes profesionais: director, guionista ou produtor executivo –ou só un deles no caso de coproducións internacionais–, conten con máis de dous anos de actividade profesional acreditada en Galicia) e as que, mesmo sen dispoñer desta condición, contribúen a fomentar o tecido industrial do sector audiovisual galego e posúen, ao tempo, un especial valor cinematográfico, cultural e social. Nesta categoría valorarase igualmente a vocación e capacidade de internacionalización dos proxectos presentados.
 
As longametraxes cinematográficas de animación e as documentais con especial valor cinematográfico son o obxecto das modalidades B e C, mentres que a D céntrase no apoio á produción de curtas de autoría e versión orixinal galega, para a que se reservan especificamente 60.000 euros do orzamento total destas axudas.
 
Por último, a modalidade E destínase a traballos televisivos co obxectivo de impulsar a realización de longametraxes, miniseries e series de ficción, longas documentais e series de animación infantil e xuvenil para seren emitidas por este medio.
 
O orzamento destinado ás categorías A, B, C e E distribúese en tres anualidades, situando o maior esforzo económico na segunda delas para coincidir co período no que previsiblemente se iniciarán as rodaxes dos traballos subvencionados.
 
-Máis información