A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece este semestre en Vigo 25 actuacións para públicos diversos

  Este venres arrinca na rúa Príncipe a nova carteleira deste circuíto na cidade olívica, que lle achegará ao público vigués teatro, música e danza da man de 18 compañías

  O investimento conxunto da Agadic e do Concello vigués nesta programación supera os 53.000 euros

  Impulsada pola Xunta en colaboración coas entidades locais asociadas, a Rede ofrecerá ata xuño 346 actuacións en 37 municipios

 A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece este semestre en Vigo 25 actuacións para públicos diversos
[24/01/2018]
A Tropa do Doutor Milagre abre o venres e o sábado, ás 18,00 h., na rúa Príncipe a carteleira que a Rede Galega de Teatros e Auditorios lle ofrecerá ao público de Vigo ata finais de abril. Serán 25 actuacións de música, de danza e, sobre todo, de teatro para públicos diversos, nas que a Agadic e o Concello vigués fixeron un investimento conxunto de 53.250 euros.

Os espectáculos para público familiar centran gran parte das propostas deste circuíto de espectáculos, que na cidade olívica promove a Agadic en colaboración co Auditorio Municipal. De feito, neste espazo –un dos máis de 40 escenarios galegos asociados á Rede– terán lugar o resto das funcións programadas.
 
Alí os nenos e as nenas poderán gozar en febreiro co espectáculo bilingüe en galego e inglés Aguratrat, de Pérez&Fernández; con Lúa, de Ghazafelhos; con Os Rockenstein, de Malasombra Producións, e con La gallina de los huevos de oro, de Zum-Zum Teatre. En marzo, chegarán a Vigo As bombas e o xeneral, de Tanxarina; Ela, de Caramuxo Teatro, e Xurdefet (Jour de fête), de Berrobambán.
 
Xa en abril, a Rede Galega de Teatros e Auditorios presentará no Auditorio Municipal un dos espectáculos infantís da temporada: Danza da choiva, de Elefante Elegante, que tamén presentará aquí a súa montaxe Tropical. Nese mesmo mes haberá danza para os máis cativos con Gaia, de Entremans, e teatro para toda a familia con Pintamúsica!, de Viu el Teatre.
 
Estreas
Pola súa banda, o público adulto poderá gozar da produción coreográfica Tradicción, de Nova Galega de Danza, así como da música de De Vacas e, sobre todo, do teatro. Así, o Auditorio Municipal programará en marzo unha das estreas da temporada en Galicia: Casa O´Rei, o espectáculo co que Ibuprofeno Teatro completa a súa triloxía gastronómica. Este texto de Santiago Cortegoso propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir de O Rey Lear de William Shakespeare, pero aquí ambientado nunha típica casa de comidas galega.
 
Tamén pasarán por Vigo as mulleres de Nacidas Libres, de Contraproducións; Emilia, de Teatro del Barrio; Memorias dun ser humano disperso (Versión 7.0), de Producións Disperas; e Unha rosa entre as pernas, de Teatro en Punto.
 
Circuíto profesional
A Rede Galega de Teatros e Auditorios é un circuíto de programación escénica que leva funcionando de xeito continuado desde 1996. Trátase do principal mercado interior para as propostas escénicas galegas producidas de xeito profesional e conta cun orzamento para este primeiro semestre de 863.714 euros (448.850 por parte da Agadic e 414.836, das entidades locais titulares dos teatros e auditorios).
 
Esta primeira carteleira de 2018 achegaralles aos espectadores de 37 concellos de toda Galicia 346 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo de 106 formacións artísticas, un 90% delas galegas.
 
A súa programación completa pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda.