A Agadic colabora con Escena Galega na difusión en Madrid do novo catálogo das 33 compañías asociadas

  O director da Axencia Galega das Industrias Culturais e a presidenta da asociación presentaron hoxe esta publicación no marco do encontro profesional MADferia

  Ofrece información sobre os máis de 100 espectáculo que estas formacións manteñen en cartel, a meirande parte deles producidos con apoio da Xunta

A Agadic colabora con Escena Galega na difusión en Madrid do novo catálogo das 33 compañías asociadas
[25/01/2018]
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a presidenta da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega, Belén Pichel, presentaron hoxe en Madrid o novo catálogo que recolle as últimas producións das 33 compañías asociadas a este colectivo profesional.

A Agadic colabora na edición desta publicación, que comeza a súa difusión exterior no marco da XIV Feria de Artes Escénicas de Madrid (MADferia) que se celebra estes días en diferentes escenarios da capital.

A sala Borau do centro creativo Matadero acolleu a presentación deste Catálogo 2018 de Escena Galega, que ofrece información tanto das súas empresas como dos máis de 100 espectáculos que estas manteñen en cartel. A meirande parte deles foron cofinanciados pola Agadic a través das súa convocatoria anual de subvencións á produción escénica.
 
O apoio á edición e promoción desta recompilación insírese na liña de colaboración que a Agadic mantén con Escena Galega, que nos seus 15 anos de traxectoria tense confirmado como a asociación de referencia do sector profesional na nosa Comunidade. Desde o seu compromiso coa nosa cultura e a nosa lingua, esta entidade traballa na interlocución coas institucións e mais co resto dos axentes implicados no desenvolvemento empresarial e na modernización das artes escénicas.
 
Datos cuantitativos e cualitativos
Segundo Sutil, a publicación intenta comunicar non só datos, senón tamén unha medida cualitativa: “A do tamaño da creatividade e das posibilidades escénicas que se están dando en Galicia, de cuxo resultado e momento presente estamos moi satisfeitos”, declarou.
 
O directo puxo como exemplo do elevado estándar de calidade da nosa actual produción escénica a Ilmaquinario, compañía galega incluída no programa de exhibición de MADferia con Resaca, o seu último espectáculo, ademais de a outras formacións seleccionadas en anteriores edicións deste encontro, como Grupo Chévere ou Caramuxo Teatro.
 
Circulación exterior de espectáculos galegos
Tamén fixo referencia ao mercado galego das artes escénicas Galicia Escena PRO, que este ano se celebrará en Santiago do 11 ao 15 de xuño co obxectivo de avanzar na súa progresiva apertura aos axentes culturais chegados doutros puntos de España e Portugal. E, neste sentido de favorecer a circulación exterior dos espectáculos galegos, referiuse así mesmo a outra convocatoria anual de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais, neste caso destinada a favorecer a distribución das nosas compañías cofinanciando as súas funcións fóra da nosa Comunidade.
 
O director da Agadic aproveitou a ocasión para animar o público madrileño a comprobar a calidade do teatro que se está a facer en Galicia durante algunha das funcións que varias das nosas compañías ofrecerán proximamente en escenarios da capital de España: Voadora con Soño dunha noite de verán e El Retrete de Dorian Gray con Retrete cabarete, ambas incluídas na programación do Centro Dramático Nacional no Teatro Valle-Inclan, e o Centro Dramático Galego, que se presentará en maio no Teatro Español con Divinas palabras.

-Escena Galega