A Rede Galega de Teatros e Auditorios achégalle ao público de Tui seis espectáculos

  Representaranse nos meses de febreiro e marzo no Teatro Municipal tudense, un dos espazos deste circuíto cultural que cofinancian a Agadic e as preto de 40 entidades locais asociadas

  A carteleira inclúe música, maxia e teatro para público adulto e familiar coas formacións galegas Mamá Cabra, Culturactiva, Cayetano Lledó, Sarabela e Baobab mais a catalá Titzina Teatre

A Rede Galega de Teatros e Auditorios achégalle ao público de Tui seis espectáculos
[26/01/2018]
O Teatro Municipal de Tui ofrecerá durante os meses de febreiro e marzo seis espectáculos de teatro, música e maxia como escenario da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto financiado pola Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e as entidades xestoras dos seus 44 espazos asociados.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta axenda cultural xunto ao alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín; o concelleiro de Cultura, Patrimonio e Medio Ambiente, Eduardo Martínez Freiría, e os representantes da meirande parte das compañías galegas que lle dan forma á nova carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios no escenario tudense. Nel actuarán Mamá Cabra, Culturactiva, Cayetano Lledó, Sarabela Teatro e Baobab Teatro, ademais da formación catalá Titzina Teatre.
 
Musical para público familiar
A programación arrancará o venres 2 de febreiro (20,00 h.) co musical para público familiar O paxaro amigo-Músicas para a paz, de Mamá Cabra, ao que seguirá o sábado 3 (20,30 h.) La zanja, traxicomedia de Titzina Teatre que propón unha viaxe paralela entre o presente e o pasado para transportar os espectadores á época do descubrimento de América.
 
Xa en marzo, será a quenda de Falar sen cancelas (venres 2, 21,30 h.), espectáculo de humor de Culturactiva que xunta sobre o escenario a Fran Rei, Isabel Risco e Pedro Brandariz; Sherlock Holmes (sábado 3, 19,00 h.), do mago Cayetano Lledó; O rei morre (venres 9, 21,30 h.), montaxe de Sarabela Teatro dirixida por Ana Vallés, e Pum, pum! (sábado 10, ás 19,00 h.), proposta de Baobab Teatro para público infantil.  
 
Ademais da súa oferta en rede, o Teatro Municipal de Tui ofrecerá dúas proxeccións cinematográficas os días 9 e 10 de febreiro: o filme de animación Ballerina e a longametraxe de produción galega kmaría (e os demais).
 
Décimo quinto aniversario do Teatro Municipal
Na súa intervención, o director da Agadic fixo referencia ao 15º aniversario da posta en funcionamento do Teatro Municipal, que definiu como “destino clave no Sur de Galicia dentro do eido cultural”.
 
“Esta programación segue a consolidar Tui como escenario de referencia en Galicia”, asegurou Jacobo Sutil, quen enmarcou esta actividade no conxunto da programación que máis de 40 espazos de toda Galicia desenvolven como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Como explicou, durante o primeiro semestre de 2018 este circuíto achegaralle 346 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo ao público de 37 concellos, cifra que supón a contratación de 106 formacións artísticas, un 90% delas galegas.
 
As entradas para asistir aos espectáculos da Rede en Tui estarán á venda no despacho de billetes do Teatro Municipal desde hora e media antes do comezo da función, así como en www.culturatui.info desde unha semana antes e ata as 12,00 h. do día da representación.