A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece ata abril en Ames 13 actuacións teatrais para todo tipo de públicos

  As casas da cultura do Milladoiro e de Bertamiráns son sedes deste circuíto, dentro do que programarán os espectáculos de dez compañías

  O investimento conxunto da Agadic e do Concello de Ames nesta carteleira é de 30.245 euros

  Impulsada pola Xunta en colaboración coas entidades locais asociadas, a Rede ofrecerá ata xuño 346 actuacións en 37 municipios

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece ata abril en Ames 13 actuacións teatrais para todo tipo de públicos
[29/01/2018]
A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá ata abril un programa de 13 actuacións teatrais en Ames, cun especial énfase nos espectáculos para público familiar. A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), da Xunta de Galicia, e o Concello de Ames fixeron nesta completa carteleira un investimento conxunto de 30.245 euros.

O venres 2 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolle, con pases ás 12,30 h. e ás 18,30 h., a representación dun dos espectáculos infantís da temporada: Danza da choiva, da compañía Elefante Elegante (na imaxe), coa que continúa a programación aberta por Nacidas libres, de Contraproducións, o pasado día 19.
 
Entre a oferta teatral do semestre destacan dúas obras de estrea este ano: Casa O’Rei e O servidor de dous amos. A primeira delas, que pasará polo Milladoiro o 16 de marzo, é a peza coa que Ibuprofeno Teatro completa a súa triloxía gastronómica. Este texto de Santiago Cortegoso propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir de O Rei Lear de William Shakespeare, pero aquí ambientado nunha típica casa de comidas galega. A segunda, O servidor de dous amos, é a revisión a cargo de Talía Teatro dun dos clásicos da commedia dell’arte, escrito por Carlo Goldoni. Representarase en Bertamiráns o 13 de abril.
 
Ademais destas dúas pezas, o público adulto terá tamén a oportunidade de gozar coa comedia de Teatro do Morcego House desaforado (23 de febreiro), un monólogo cheo de humor negro sobre un home en crise; e de Elisa e Marcela(2 de marzo), unha coprodución de A Panadaría co Centro Dramático Galego que conta a historia das dúas transgresoras mulleres que en 1901 conseguiron converterse no primeiro matrimonio homosexual do que se ten constancia no Estado.
 
Teatro para público infantil
A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios presta sempre especial atención ás actuacións para as espectadoras e os espectadores máis novos. Ata xuño, Ames acolle oito obras teatrais para toda a familia.
 
A maiores da xa citada Danza da choiva, o público amesán terá a oportunidade de gozar cun programa ben variado. Así, se Os fabulosos cleaners (6 de baril) de Malasombra Producións é un espectáculo visual de burbullas de xabón, en Pum Pum (9 de marzo) Baobab Teatro mesturan monicreques, teatro de actor, máscaras e sombras para falar de historias cotiás das nenas e nenos pequenos.
 
Pola súa banda, en O valo (20  de abril)Culturactiva, Festiclown e Pallasos en Rebeldía únense para darlle vida ao texto co que Carlos Labraña gañou o Premio Manuel María de literatura dramática Infantil da Agadic, convidando os nenos e as nenas a reflexionar sobre a crise das persoas refuxiadas. Completa a oferta para público familiar O secuestro da bibliotecaria (27 de abril), peza de Sarabela Teatro onde uns bandidos secuestran a fermosa bibliotecaria de Parangón para xerar o caos.
 
Circuíto profesional
A Rede Galega de Teatros e Auditorios é un circuíto de programación escénica que leva funcionando de xeito continuado desde 1996. Trátase do principal mercado interior para as propostas escénicas galegas producidas de xeito profesional e conta cun orzamento para este primeiro semestre de 863.714 euros (448.850 por parte da Agadic e 414.836, das entidades locais titulares dos teatros e auditorios).
 
Esta primeira carteleira de 2018 achegaralles aos espectadores de 37 concellos de toda Galicia 346 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo de 106 formacións artísticas, un 90% delas galegas.
 
A súa programación completa pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda.