Román Rodríguez presenta a nova etapa da Rede Galega de Música ao Vivo, que en 2018 duplica o seu orzamento

  Vinte e tres salas de 14 localidades foron seleccionadas para este nova xeira do circuíto, dentro do que ofrecerán 145 concertos de 48 grupos durante o primeiro semestre do ano

  A Agadic consensuou coas principais asociacións do sector unha revisión das normas de funcionamento da rede para reforzar a súa programación e mellorar as condicións de contratación das bandas

Román Rodríguez presenta a nova etapa da Rede Galega de Música ao Vivo, que en 2018 duplica o seu orzamento
[30/01/2018]
O conselleiro de Culltura presentou hoxe a nova programación da Rede Galega de Música ao Vivo, que se inicia tras un proceso de renovación consensuado coas principais asociacións do sector. Nesta nova etapa, a Xunta busca impulsar este circuíto, comezando por aumentar o seu investimento anual ata os 185.000 euros, un 105% máis que en 2017.

Segundo explicou Román Rodríguez, esta cifra que achega a Axencia Galega das Industrias Culturais supón, ademais, o 85% do orzamento para a contratación dos grupos que actúen este ano na Rede Galega de Música ao Vivo, xa que o 15% restante correspóndelle ás 23 salas seleccionadas tras a convocatoria pública de admisión que se resolveu a finais do ano pasado. Neste primeiro semestre de 2018, serán 48 as bandas protagonistas dos 145 concertos programados.

Un destes locais asociados, a Sala Capitol de Santiago, foi o escenario da presentación desta nova xeira da rede aos medios, espazos e grupos. Nela, acompañaron a Román Rodríguez o director da Agadic, Jacobo Sutil, a presidenta da Asociación Músicos ao Vivo, Iria Pinheiro, e o presidente de Clubtura Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, Alberto Grandío, ademais de contar coa actuación en directo do trío liderado polo guitarrista Marcos Teira.

Cambios consensuados

O titular de Cultura amosou a súa satisfacción polo debate aberto coas devanditas asociacións, que se traduciu nunha serie de “cambios consensuados” que reforzan os estándares de profesionalidade do circuíto, con máis de 10 anos de actividade ininterrompida. Entre eles, dedicalo exclusivamente á música (ata o de agora tamén tiñan cabida espectáculos escénicos de pequeno formato), mellorar as condicións económicas na contratación artística, aumentar a circulación dos grupos polas diferentes salas e fixar uns baremos de calidade na selección dos espazos.

 

Estes requirimentos foron cumpridos polas 23 salas que comezan esta nova andaina, que –como detallou Román Rodríguez– ofrecen unha capacidade total para 4.300 persoas. Delas, catro estréanse este ano na Rede Galega de Música ao Vivo: A Arca da Noe de Vilar de Santos, A Pousada das Ánimas de Boiro, La Pecera de Vigo e Playa Club da Coruña. Xunto con elas, outros 19 locais que xa formaron parte en anos anteriores do circuíto da Agadic: Bâbâ Bar, Jazz Filloa Club e Sala Garufa Club da Coruña, SalaSon de Cangas do Morrazo, Super 8 de Ferrol, A Ventana de Laxe, Club Clavicémbalo de Lugo, A Fundación e Pub Gatos de Melide, Var con V de Moaña, Náutico do Grove, Sala Baranda do Barco de Valdeorras, A Casa das Crechas, La Borriquita de Belém, Moon Music Club e Sala Capitol de Santiago, El Contrabajo e La Fábrica de Chocolate de Vigo, e Sala Bianco Sama de Vilagarcía de Arousa.

Salto cualitativo

O conselleiro incidiu no salto cualitativo que supón esta renovación e que garante as mellores condicións para a celebración dos concertos, tanto desde o punto de vista dos grupos como do público. Lembrou, ademais, que esta rede de música súmase aos outros tres circuítos que xestiona a Agadic (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Cultura no Camiño) para favorecer a estabilidade na circulación dos espectáculos escénicos e musicais producidos en Galicia, así como para achegarlle á cidadanía unha oferta cultural ampla, descentralizada, plural e aberta.

A carteleira semestral coa que a Rede Galega de Música ao Vivo inicia a súa nova andaina reflicte esta variedade, con estilos que van do rock e pop ao jazz, pasando pola electrónica, a canción de autor, o rap ou o folk, entre outros. A programación concédelle un gran protagonismo ás bandas e intérpretes galegos que, cando menos, supoñen o 75% das contratacións, segundo se especifica na normativa de funcionamento.

Así, atopamos en cartel formacións e solistas como o propio Marcos Teira, quen actuou durante a presentación, Aló Django, Víctor Aneiros, Dakidarría, Silvia Penide, Nani García Trío, Cora Sayers, Igloo, Mónica de Nut, Agoraphobia, Patricia Moon, Sumrrá, Brais Morán, Odaiko, Eladio y los Seres Queridos, Tato Trío, Habitación Vudú, Bakin Blues Band, Tiruleque, Aldaolado etc.

A programación completa do primeiro semestre de 2018 pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda, así como no seguinte pdf:

-Rede Galega de Música ao Vivo xaneiro-xuño 2018