A Agadic colabora co colectivo RPM na segunda edición das Residencias Paraíso de danza

  Continúa así este programa de investigación arredor das artes do movemento co obxectivo de favorecer novos proxectos e compañías, ademais de apoiar as xa consolidadas durante os seus procesos creativos

  O período de inscrición de propostas está aberto ata o 12 de febreiro e súmanse tres novos escenarios receptores aos seis participantes de 2017

A Agadic colabora co colectivo RPM na segunda edición das Residencias Paraíso de danza
[01/02/2018]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Colectivo RPM na segunda edición do programa Residencias Paraíso para levar a cabo estadías artísticas de investigación arredor da danza e das artes do movemento en nove espazos escénicos galegos.
Despois do éxito da experiencia piloto do ano pasado, esta iniciativa continúa cunha nova convocatoria, para a que se mantén aberto o prazo de presentación de propostas ata o 12 de febreiro no enderezo https://www.colectivorpm.gal/residenciasparaiso. Nesta ocasión, aos espazos colaboradores de 2017 (Teatro Rosalía Castro e a Fundación Luis Seoane da Coruña, Pazo da Cultura de Carballo, Vello Cárcere de Lugo, Pazo da Cultura de Narón e Auditorio Municipal de Ourense) súmanse o Teatro Colón da Coruña, a Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta en Santiago e a Sala X na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

O obxectivo desta iniciativa conxunta é impulsar a aparición de novos proxectos de creación e compañías neste ámbito escénico en Galicia, así como apoiar as formacións xa consolidadas durante os seus procesos creativos. Con esta finalidade, a Agadic colabora por segundo ano consecutivo con RPM, un colectivo independente integrado na actualidade por cinco destacados artistas no ámbito das artes do movemento e da creación contemporánea en Galicia: Rut Balbís, Catarina Varela, Félix Fernández, Andrea Quintana e Alexis Fernández.

Oito proxectos de marzo a novembro
Paraíso 2018 acollerá ata oito proxectos en residencia, cunha dotación de 18.000 euros en total, nos devanditos escenarios entre mediados de marzo e finais de novembro deste ano. Unha comisión artística será a encargada de valorar todas as propostas e de seleccionar as beneficiarias das residencias.

Na edición de 2017 recibíronse 60 proxectos e os escollidos para levar a cabo estas estadías, que se desenvolveron entre os meses de setembro e decembro, foron Este es de aire y el otro de agua, de Masako Hattori (compañía Kokoharuka), para o Pazo de Cultura de Narón; O inevitable, de Borja Fernández e Diego Anido, para o Pazo de Cultura de Carballo; Sempre viva, de Estela Lloves (compañía Arraiana), e Barba inguinal, de Areta Bolado e Ailén Kendelman (Dona Lambecricas e Peluda Queen), para o Vello Cárcere de Lugo; Línea larga punto punto punto más alto curva hacia arriba punto, de Óscar Bueno, para a Fundación Luis Seoane da Coruña; As vacacións máis longas, de Diego M. Buceta, para o Auditorio Municipal de Ourense; e 2419CJX, de Begoña Cuquejo e María Roja, para o Teatro Rosalía Castro da Coruña.