O CGAI decícalle unha semana a Jean-Luc Godard con pases de clásicos e a recuperación dun filme inédito de 1986

  A película ‘Grandeza y decadencia de un pequeño comercio de cine’, orixinalmente pensada para a televisión, proxéctase por primeira vez en salas dende a súa estrea

  O ciclo enmárcase na viaxe polo cine francés que leva meses realizando a filmoteca e que traerá tamén nos próximos días restauracións dos filmes máis destacados de Louis Delluc e da película ‘Farrebique’, considerada o berce do documental en Francia

O CGAI decícalle unha semana a Jean-Luc Godard con pases de clásicos e a recuperación dun filme inédito de 1986
[06/02/2018]
O CGAI inicia mañá un pequeno ciclo dedicado a Jean-Luc Godard, dentro da panorámica de cine francés que a filmoteca leva meses realizando e que remata a finais de febreiro. Xunto aos clásicos Pierrot o tolo (dous pases o día 7) e O desprezo (con proxección o venres 9), recupérase o filme de 1986 Grandeza y decadencia de un pequeño comercio de cine.
Este último título ten a particularidade de ser un proxecto concibido orixinalmente para a televisión e que só agora chega ás salas cunha restauración.
 
Godard, considerado a figura máis destacada da Nouvelle vague, movemento artístico nado a finais dos cincuenta en Francia e un dos máis influentes na historia do cine, realiza aquí unha disparatada comedia cun triángulo entre un director que se esforza por sacar adiante unha película, o seu produtor vido a menos e a muller do mesmo, a quen o realizador elixe como actriz da fita.
 
Esta estrea permítelle ao CGAI recuperar dous dos clásicos máis salientables do autor galo, películas que asentaron o seu discurso marcado pola experimentación formal e por un compromiso político que mantén aínda a día de hoxe. Foron tamén no seu momento unha oportunidade para estrelas como Jean-Paul Belmondo ou Brigitte Bardot de asentarse como iconas do cine europeo, cuns papeis que están na memoria de todos os cinéfilos.
 
Louis Delluc e Farrebique
A viaxe polo cine francés que durante meses vén desenvolvendo a filmoteca remata con outro pequeno foco dedicado a un cineasta que foi esencial no cine silente galo: Louis Delluc. As copias restauradas de Le chemin d’Ernoa, Fièvre, La femme de nulle part e L’inondation pasaranse entre os días 14 e 20 deste mes.
 
Outra proxección importante, que pon fin a este percorrido pola cinematografía gala é Farrebique, de Georges Rouquier (o venres 16). Considerada por moitos a película coa que nace o documental francés, esta atemporal fita retrata a vida no campo dunha familia, cun estilo de vida xa perdido e que ata non hai moito existía nunha Europa primordialmente rural.
 
Ademais das anteriores citas, para o venres 23 de febreiro está programada Eastern Boys, a ópera prima de Robin Campillo, quen no último festival de Cannes levou o premio do xurado por 120 pulsaciones por minuto.

[Na imaxe, fotograma de 'Grandeza y decadencia de un pequeño comercio de cine']

-Web do CGAI