A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribúe aos Venres Culturais de Carballo con sete propostas escénicas e musicais

  Na programación figuran as funcións de ‘Elisa e Marcela’, ‘Pitusa Semifusa e os estilos musicais’, ‘Helena: xuízo a unha lurpia’, ‘A galiña azul’, ‘Danza da choiva’ , e ‘Casa O’Rei’, así como o concerto de De Vacas

  A Xunta de Galicia cofinancia esta carteleira a través do circuíto de espectáculos que promove a Axencia Galega das Industrias Culturais

A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribúe aos Venres Culturais de Carballo con sete propostas escénicas e musicais
[07/02/2018]
As funcións de Elisa e Marcela, Pitusa Semifusa e os estilos musicais, Helena: xuízo a unha lurpia, A galiña azul, Danza da choiva e Casa 0’Rei, así como o concerto de De Vacas danlle forma aos denominados Venres Culturais que o Pazo da Cultuta de Carballo ofrece como espazo membro da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Deste xeito, o escenario carballés ofrecerá do 23 de febreiro ao 22 de marzo unha programación semanal de espectáculos e concertos, producidos en Galicia e para todos os públicos, como parte da actividade deste circuíto cofinanciado pola Xunta de Galicia.
 
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, compartiron hoxe a presentación desta carteleira, que se completa co evento musical de artistas locais RockCarballo, e que volve confirmar o Pazo da Cultura como un dos escenarios máis activos entre os máis de 40 de toda Galicia que integran a RGTA.
 
Así o destacou Jacobo Sutil, quen lembrou que a programación cofinanciada entre a Xunta e o Concello de Carballo continuará no mes de abril co ciclo monográfico Primavera enDanza, tamén organizado a través desta Rede e que ofrecerá unha selección de montaxes coreográficas galegas e de fóra de Galicia.
 
Alternativas de ocio familiar
Os Venres Culturais combinan propostas escénicas nese día sinalado da semana con outras alternativas para o público de máis curta idade nas tardes dos domingos. Así, a primeira cita será o 23 de febreiro con Elisa e Marcela, coprodución de A Panadaría co Centro Dramático Galego, que conta a historia das dúas mulleres coruñesas que formaron en 1901 o primeiro matrimonio homosexual en España. O domingo 25 terá lugar o musical Pitusa Semifusa e os estilos musicais, un espectáculo que lle ensina ao público infantil os xéneros musicais dun xeito divertido. Despois de RockCarballo, programado para 2 de marzo, chegará o día 9 Teatro do Atlántico co seu monólogo sobre a figura de Helena de Troia Helena: xuízo a unha lurpia, en tanto que para o domingo 11 está programada A galiña azul, peza baseada no conto de Carlos Casares na que a compañía Tanxarina mestura monicreques e actores.
 
Outra das citas agardadas é a do 16 de marzo co concerto a cargo do cuarteto De Vacas (Paula Romero, Inés Salvado, Faia Díaz e Guillerme Fernández), que regresa deste xeito a Carballo coas súas persoais e divertidas versións de temas de éxito.
 
Producións subvencionadas
As dúas últimas propostas desta carteleira terán lugar o 18 de marzo, con Elefante Elegante e a súa Danza da choiva, un espectáculo familiar de teatro xestual con monicreques e danza arredor do cambio climático; e o 22 de marzo, con Ibuprofeno Teatro e Casa O’Rei, a peza coa que Santiago Cortegoso completa a súa triloxía gastronómica cun xogo escénico e dramatúrxico a partir de O Rei Lear de William Shakespeare. Estas dúas montaxes contaron cunha subvención á produción escénica da Agadic.
 
Na súa intervención, o director da Agadic sinalou que a Rede Galega de Teatros e Auditorios esténdese a máis de 40 escenarios por toda Galicia. De feito, na súa primeira carteleira semestral para 2018, actualmente en curso, achegaralles 346 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo aos espectadores de 37 concellos, o que supón a contratación entre xaneiro e xuño de 106 formacións artísticas, un 90% delas galegas.

-Programa de man dos Venres Culturais