A Rede Galega de Teatros e Auditorios achega a Compostela a estrea de 'O servidor de dous amos' de Talía

  O espectáculo, producido co apoio económico da Agadic, é a primeira estrea da nova temporada deste circuíto en Santiago, dentro do que se representarán 15 montaxes de sete compañías ata finais de maio

  O investimento conxunto da Agadic e o Concello compostelán nesta programación supera os 46.000 euros

  Impulsada pola Xunta en colaboración coas entidades locais asociadas, a Rede ofrecerá ata xuño 346 actuacións en 37 municipios

A Rede Galega de Teatros e Auditorios achega a Compostela a estrea de 'O servidor de dous amos' de Talía
[09/02/2018]
O Teatro Principal de Santiago acolle o vindeiro mércores, ás 20,30 h., a estrea de O servidor de dous amos, de Talía Teatro, cunha serie de catro representacións que se estenderán ata o sábado 17. O espectáculo contou cunha subvención de 55.586 euros a través das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á produción escénica.

Primeira estrea da temporada dentro da completa carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Compostela, O servidor de dous amos é unha reinvención da obra de Carlo Goldoni, autor clásico da Commedia dell’Arte. Igual que daquela a sociedade italiana era retratada de forma cómica e irreverente, a versión de Talía Teatro propón un “xoguete escénico” onde os contratos matrimoniais son substituídos por contratos de construción e nobres e mandatarios son substituídos por empresarios e políticos.
 
O ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal son respectados, pero procúrase incorporar tamén novas formas de teatralidade nesta adaptación de Diego Rey que el mesmo dirixe. O elenco confórmano Xurxo Barcala, Toño Casais, Marta Lado, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo e Dani Trillo.
 
Quince espectáculos en cartel
A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Santiago para este primeiro semestre de 2018 achega á capital galega 15 espectáculos de teatro e danza para públicos diversos ata o mes de maio. A Agadic e mailo Concello compostelán fixeron un investimento conxunto de máis de 46.000 euros nesta oferta cultural, que deu comezo en xaneiro con Mofa&Befa.
 
Así, e tamén dentro do teatro para adultos, os espectadores e espectadoras terán a oportunidade de ver Resaca, de ilMaquinario Teatro (2 e 3 de marzo), e Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro (6 e 7 de abril). A primeira é un espectáculo multidisciplinar que reflexiona sobre a memoria individual e colectiva dende unha perspectiva xeracional. A segunda, que se estreará o 2 de marzo en Vigo tamén dentro da Rede, é un texto de Santiago Cortegoso que parte de O Rei Learde William Shakespeare para construír un xogo dramatúrxico e escénico ambientado nunha típica casa de comidas galega.
 
En canto á danza, o Auditorio de Galicia acollerá o 29 de abril o espectáculo Son, da Nova Galega de Danza, unha fusión da danza tradicional galega coa contemporánea, a española e o flamenco, onde o eixo argumental é a relación entre un escultor e as súas obras. Ademais, o público infantil terá a oportunidade de gozar o 28 de abril no Teatro Principal de Gaia, unha peza didáctica da compañía Entremáns, que procura descubrir a rapazas e rapaces a intensidade, o poder e a beleza das características do noso planeta e os seus tesouros naturais. A programación familiar complétase o 26 de maio con Pum, pum!, unha obra de Baobab Teatro na que se mesturan monicreques, teatro de actor, máscaras e sombras para falar de historias cotiás da infancia.
 
Circuíto profesional
A Rede Galega de Teatros e Auditorios é un circuíto de programación escénica que leva funcionando de xeito continuado desde 1996. Trátase do principal mercado interior para as propostas escénicas galegas producidas de xeito profesional e conta cun orzamento para este primeiro semestre de 863.714 euros (448.850 por parte da Agadic e 414.836, das entidades locais titulares dos teatros e auditorios).
 
Esta primeira carteleira de 2018 achegaralles aos espectadores de 37 concellos de toda Galicia 346 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo de 106 formacións artísticas, un 90% delas galegas.
 
A súa programación completa pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda.