A Rede Galega de Música ao Vivo achégalle ao público vigués 22 concertos durante este semestre

  El Contrabajo, La Fábrica de Chocolate Club e La Pecera son as tres salas viguesas asociadas ao circuíto que xestiona a Xunta e do que forman parte outros 20 espazos de toda Galicia

  Tato Trío, que actúa o venres, Dakidarría, Patricia Moon, Igloo, Helena Goch, The Lákazans ou Sumrrá son algúns dos grupos e solistas programados

  A Agadic inviste 185.000 euros na carteleira que a rede desenvolverá durante 2018, cifra que supón o 85% do orzamento destinado á contratación dos grupos

 A Rede Galega de Música ao Vivo achégalle ao público vigués 22 concertos durante este semestre
[14/02/2018]
Vigoé unha das 14 localidades galegas que contan con salas asociadas á Rede Galega de Música ao Vivo, no marco da que o público vigués pode gozar de 22 concertos durante o primeiro semestre de 2018. Entre eles, o que Tato Trío ofrecerá este venres, ás 22,30 h., en La Pecera, local que é unha das novas incorporacións ao circuíto da Xunta.

Esta sala acolle outros setes directos dentro do primeiro período da programación anual, da que tamén forman parte La Fábrica de Chocolate, con 10 actuacións, e El Contrabajo, con catro.
 
Xunto con elas, outros 20 locais das catro provincias foron seleccionados para a nova etapa da Rede Galega Música ao Vivo, circuíto xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co fin de contribuír á estabilidade na programación de música en directo en salas privadas, con especial atención aos grupos e artistas galegos.
 
Cartel galego
De feito, a meirande parte das formacións que actuarán en Vigo durante esta primeira metade de 2018 son galegas e dan conta, ao tempo, dun amplo abano de xéneros musicais que van do pop e rock ao jazz, blues, rap ou folk. En La Pecera, ademais do devandito Tato Trío e de Aló Django Cuarteto e Sabela King & The Heartbreakers (que xa tocaron en xaneiro), presentaranse The Fabulous Resaca Brothers (2 marzo), Dous (6 abril), Mad Martin Trío (14 abril), The Lákazans (21 abril) e Bakin Blues Band (28 abril).
 
Pola súa banda, La Fábrica de Chocolate Club xa acolleu os concertos de Creole Kings e Raiba, e proximamente programará en rede a Dakidarría (15 marzo), Patricia Moon (5 abril), Helena Goch (7 abril), Habitación Vudú (30 abril), Presumido (4 maio), Lesuit (16 maio), Cora Sayers (18 maio) e Gold And Colt (8 xuño). En El Contrabajo, tocarán Miguel Lamas Quartet (10 marzo), Igloo (6 abril), AAF 60 (21 abril) e Sumrrá (11 maio).
 
Tras un proceso de renovación consensuado coas principais asociacións do sector, a Xunta promoveu o inicio en 2018 dunha nova xeira da Rede Galega de Música ao Vivo co obxectivo de reforzar os seus estándares de profesionalidade e calidade. Con tal fin, a Agadic aumentou o seu investimento anual nela ata os 185.000 euros, un 105% máis que en 2017.
 
Esta cifra supón, ademais, o 85% do orzamento para a contratación dos grupos que actúen este ano, xa que o 15% restante lles corresponde ás 23 salas seleccionadas tras unha convocatoria pública de admisión que se resolveu a finais do ano pasado. Neste primeiro semestre de 2018, serán 48 as bandas protagonistas dos 145 concertos previstos en toda Galicia dentro deste circuíto.
 
A súa programación completa pode consultarse enwww.agadic.gal/Axendae enwww.cultura.gal/gl/axenda.
 
-Programación da Rede Galega de Música ao Vivo xaneiro-xuño 2018