Vaca Films desenvolve en Galicia a rodaxe de 'Feedback' cun reparto internacional

  O director da Agadic visitou en Ordes o plató que está a acoller a filmación do novo proxecto da produtora galega coa catalá Ombra, adxudicatario dunha subvención da Xunta de Galicia de máis de 238.000 euros

  Eddie Marsan, Paul Anderson e Ivana Baquero encabezan o reparto deste thriller rodado en inglés, primeira longametraxe do director Pedro C. Alonso

Vaca Films desenvolve en Galicia a rodaxe de 'Feedback' cun reparto internacional
[08/03/2018]
A produtora galega Vaca Films e a catalá Ombra Films están a desenvolver en Ordes a rodaxe de Feedback, un thriller con reparto internacional adxudicatario en 2016 dunha subvención á produción audiovisual da Xunta de Galicia. O director da  Agadic, Jacobo Sutil, visitou o plató que acolle ata o 16 de marzo a práctica totalidade da filmación.

Feedback é a ópera prima de Pedro C. Alonso, que debuta no eido da longametraxe despois dunha exitosa carreira no mundo publicitario. Alonso asina tamén o guión xunto con Alberto Marini. Rodada integramente en inglés, encabezan o reparto os británicos Eddie Marsan, Paul Anderson e a española Ivana Baquero.
 
Nos estudios TEX45, nos que está a ter lugar a rodaxe, recreáronse os decorados da trama principal, que transcorre nunha emisora de radio londiniense. Unha vez rematado o traballo en Galicia, todo o equipo se desprazará ata Londres para a gravación de exteriores.
 
Feedback cofinánciase con 238.982 euros procedentes da convocatoria de 2016 da Agadic á produción e coprodución audiovisual galega, a principal liña económica destinada ao fomento do sector que mantén a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O filme conta tamén coa participación de Televisión Española e Movistar+, ademais dos apoios do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) e do Programa Media. Será distribuído en España por Entertainment One, compañía independente global especializada en contidos de entretemento.
 
A película conta a historia de Jarvis Dolan, unha carismática estrela radiofónica. Divertido e desapiado nos seus argumentos, Jarvis entretén a súa audiencia na madrugada. A noite que tiña previsto revelar un gran escándalo futbolístico, o seu programa toma un xiro macabro cando irrompen dous enmascarados e toman o control a punta de pistola.

[Na imaxe, Pedro C. Alonso, Jacobo Sutil e Borja Pena, de Vaca Films]